Opinión

Polo código postal 32701

Poñerlle título a unha andaina por moitos lugares é complicado. Se nomeas unha localidade non vas deixar outras. E como o pasado mércores, 19, realicei unha desas longas que pasan por varias aldeas, non me quedou outra que espremer un pouco a cabeza para o título deste Pingas. Creo que me quedou bonito. Porque por esa zona deixei que os meus pés percorreran 14,7 km., cun tempo de 2 horas e 52 minutos. Saín de Baños de Molgas con destino a Vide pola carreira da Lama para subir logo polo Penedo de Vide. De Vide a Froufe hai un suspiro. E de Froufe a Francos un simple alento. Seguín pola estrada que vai a Arnuide ata que cheguei ó cruce onde se colle para Meamán. Aquilo xa se puña serio; a estrada empinaba de tal maneira que me dixen: esta é a ocasión para coller forzas, polo que botei man ó peto da cazadora e saquei o bocadilliño de chouriza para meterlle o dente. Tamén aproveitei para evacuar augas menores, todo hai que dicilo. Ó chegar arriba xa me atopei coas obras do AVE, do tan desexado AVE. Semella que avanzan. De Meamán collín camiño de Guamil. Desta aldea descoñecía eu a fonte e o lavadoiro dos Pozos. Quedei alucinado. Teñen o seu encanto. Tanto que foi o que máis me gustou de toda a andaina, xunto co San Vitoiro, claro está, xa en Presqueira. De Presqueira a Bouzas xa a cabeza se me foi para As Longas e A Barxeliña, fincas nas que andei ata hai pouco. E de Bouzas ata Baños de Molgas, claro, onde deixara o coche. Resumindo: Baños de Molgas, Vide, Froufe, Francos, Meamán, Guamil, Presqueira, Bouzas e de novo Baños de Molgas.

Te puede interesar