Opinión

Polos camiños

Levei o sorriso aberto polo lado dereito da aurora. Duroume pouco porque non son nin de dereitas nin de esquerdas. Tampouco do centro. Son o asubío que entoa no luscofusco do outono. O tempo pon a cada un na súa galla de carballo e os soños son delgados coma os caxatos do temoeiro. Xungo a un grilo cun escornabois e apóñoos ó carro da intelixencia.

Á metade do camiño collo a carreira do medio para que ninguén meta a política en concerto. Tampouco pasaría nada; todos sabemos que todos os políticos cantan por soleás. Atopo o niño dunha azulenta e vexo que os ovos son da capadura dun cabestro.

Paro a beber. Auga de mel con flor de toxo; e silencio no cortello do entendemento. Ese no que non se entende nada por moito que se explique todo. Que alguén furgue polos regos do nobelo. Ergo, levanto de beber e collo o camiño do silencio con valados cheos de ruído: do pardal que pía, do grilo que canta, da vespa que zoa, do lobo que oulea, do can que ladra e da doniña que ataca. Agora cada quen que suba a un castiñeiro e que baile.

Cheguei á fin do camiño. Alí estaba sentada, á sombra dun codeso, a inocencia da tardiña. Había pouco que o toque a releixo vagaba polas leiras de centeo. De alguén que marchou. De alguén que xa non volve. Eu si teño que volver polo camiño que collera, é dicir, pola carreira do medio. Así, a miña independencia é miña e non lle deberei nada a ninguén. A ninguén.

Te puede interesar