Opinión

Porque a vida segue

Martes de Entroido. Catro menos vinte da tarde. Esperando o momento de que chegue a desfile da Valenzá. Mentres espero, escribo. Mentres escribo, escoito música. Mentres escoito música, penso. Penso no verme luceiro da aurora e naquelas mulleres que desexan un certo cariño dos seus. Non todas son felices no seu propio aniversario. A vida da paus cos ollos abertos. A vida pon a cada un no seu sitio cando a esperanza foi auga de bacallau. Non queda outra que tirar para adiante e pensar nos que si te aman. Agora que cada quen busque entre as matogueiras da súa conciencia, entre os carreiros da súa sensatez. Catro menos cuarto da tarde. O tempo pasa e todo segue igual. O sol asoma logo dunha mañá escura e un bolígrafo vermello tacha de cando en vez aquelas anotacións que xa se usaron, que xa foron, que quedarán para o recordo ou que se subiron ó feisbuq. O móbil rematou de cargarse e queda preparado para arquivar a memoria dun desfile que será, que transcorrerá con parsimonia e baixo a atenta mirada de viandantes que aparecerán a moreas. Porque hai instantes na vida nos que hai que contemplar o que fan outros. Despois cada quen que xulgue se fixeron ben ou non. Como a vida mesma. Esta, por veces, bambéase sen ritmo; outras queda quietiña e esperando a que alguén a empurre; e case sempre tira cara á adiante. Porque a vida segue. Como a corrente do río Arnoia. Cos soños cumpridos ou sen cumprir. Catro da tarde. Bernard Herrmann pon a música nos meus oídos, e o tempo pasa. Nada se detén. Os aniversarios, menos.

Te puede interesar