Opinión

Porque o tempo aprema

Sempre pensei que as cousas non son como parecen. Ás veces vou polo aire e outras bailo sobre a folla dun loureiro. Cando na realidade é que estou quieto. Sempre me gustou soñar esperto. Escoito a banda sonora de “Baixo o fogo”, de Jerry Goldsmith, e xa non me preocupa que mañá sexa día de escola. Tampouco me importa deitarme tarde. Son de pouco durmir. Porque sigo dicindo que é bonito soñar esperto. As cousas non son o que parecen. Semella que me leva tempo escribir un pobre relato que non di nada, pero estou a piques de construílo a gran velocidade.

Porque o tempo aprema. E como non sei estar quieto, nese pouco tempo que me queda libre, teño que actuar, facer algo, para non aburrirme, para no desesperarme. Férveme o sangue. Báilanme os nervios. As cousas non son o que parecen. Semello un santo bendito, pero na realidade son un besbello, un fuxefuxe. Ata estando con alguén, se non falamos, teño que facer algo: asubiar, ou rosmar, ou borboriñar, ou facendo tremer as pernas. O caso é matar o tempo. Ou confundilo, enganalo. Coma quen que non pasa, ou que voa. Depende da situación. E sempre, pero sempre queda a esperanza de ir polo aire para bailar sobre a folla dun loureiro e desde aí... que rebenten os meus sentimentos, que estouren as miñas ansiedades e que se acomoden os meus versos. Eses versos que non son o que parecen. Ou que parecen o que non son. É igual.

Te puede interesar