Opinión

Preguntas e respostas

Cantas árbores hai que plantar para xerar un bosque? Cantos erros hai que cometer para pedir un simple perdón? Cantos candís hai que acender para ver máis alá dun negro pensamento? Cantos corazóns hai que debuxar nun papel para que os versos do poema descansen sobre o cenfollas que se escribe desde hai tempo? Ás veces chega unha única árbore para non deixar ver o bosque. Outras, nin cen anos de perdón conseguen aliviar un pequeno desacerto. E case sempre o corazón acaba rachando antes da conclusión do soneto. Cantas nubes teñen que asomar no firmamento para saber que hai cambio de tempo? Cantas palabras hai que soltar para descubrir unha certa ansiedade ou para insinuar unha lexítima verdade? Cantas olladas de esguello hai que lanzar para ventar, para presentir o prohibido, o que non se ve? Ás veces unha vulgar nube desemboca no asolagamento dun sentimento. Hai palabras que enchen os camiños con emocións e, por que non, tamén con xenreiras. Lanzamos olladas de esguello para disimular o desexo. Pero este está aí, tras a cortina dunha cobiza, dun devezo. Cantos berros hai que botar para que alguén te entenda? Cantos silencios hai que vivir para saber o que se atura? Canto sosego hai que amosar para saber que se soña? Hai berros que calman, silencios que estouran e sosegos que arrolan. Hai preguntas con respostas cheas de erros. E hai respostas que simplemente non din nada.

Te puede interesar