Opinión

Prendido dun sentimento

Nove e media da noite. Noite fresca. Escoitando a Chet Baker e Stan Getz. O caso é escoitar algo. E se é a estes dous monstros do jazz, para que dicir máis. O que pasa é que o tema xa rematou. Agora tócalle a Palito Ortega con “Te vas a enamorar”. Ufff, vaia cambio. Como o da noite ó día. É igual. Hai que escoitar de todo. Para saber o que é bo e o que é malo. Ás veces é certo que sen escoitar ou ver intuímos o que é bo e o que é malo. Incluso sobre as propias persoas. Chega unha ollada para catalogar a alguén. É certo que ás veces erramos. E seino por experiencia. Sei dalgún caso no que, a simple vista, semelloume que aquel individuo non me caía simpático, así de claro. Logo, ó tratar con el, xa non opinaba da mesma maneira. Nove e trinta e tres minutos da noite. Noite fresca. Escoitando a Vangelis. Outro cambio radical. Do jazz a Palito Ortega, de Palito Ortega a Vangelis. Que viva a música, carallo! Pola tarde fun a Baños de Molgas. Isto si, isto si que é música celestial nos meus oídos. Chega con dicir Baños de Molgas para que o corazón baile unha muiñeira, ou un agarrado, ou un fandango, ou unha xota, ou o folk de Milladoiro coa axuda de Ana Belén. Dez menos vinte da noite. Noite fresca. Xa non digo nada máis, porque ó asomar Baños de Molgas en escena foi coma se o mundo se detivera e o lugar quedase prendido dun sentimento. Do meu sentimento.

Te puede interesar