Opinión

Puro cine negro

Un director novato -John Huston-, un felino -Humphrey Bogart- e uns actores secundarios marabillosos, ademais da historia de Dashiell Hammett, conforman o filme “O Falcón Maltés” (1941) no máis puro estilo de cine negro. Unha estatuíña milenaria, o Falcón Maltés, é o nó central que move con vertixe ós personaxes.

John Huston, a maiores de ser o neno aventureiro e estrafalario do gran Walter Huston, tamén triunfou en Hollywood polo seu traballo como escritor de guións en “Juárez”, “Jezabel”, “O último refuxio” e “O sarxento York”. Foi o suficientemente lagarteiro como para conseguir que, en premio a eses éxitos, a Warner lle permita o pase á dirección. Elixe “O Falcón Maltés”. É testán, pretende abraiar cun material no que outros se estrelaron dúas veces.

A Warner ofrécelle 300.000 dólares para o experimento, oito semanas de rodaxe e uns colaboradores de luxo para que o “mocoso” se sinta arroupado: Adolph Deutsch e Arthur Edison na música e na fotografía, e ó hierático e tenebroso George Raft como protagonista. Este negouse a traballar cun principiante e serve por segunda vez o pastel a un gato montés como Bogart. Creo que todos saímos ganando.

John Huston, a pesar da súa arrogancia, mantense fiel ó consello que lle dera un amigo produtor: “Fai que todos os planos teñan o seu peso e o seu ritmo. Non esquezas ningún detalle por pequeno que sexa. Roda cada escena coma se fora a máis importante”. Tampouco se permite detalles de autoría; a fin de contas, o material literario fala do tema que máis ama e obsesiona a este permanente gañador: fala do fracaso.

Filma liña a liña a novela e a súa brillante personalidade encárgase de atopar o clima que necesitan esas situacións, a atmosfera que respiran eses personaxes. Omite, silencia a estarrecedora historia que marca a moral de Spade, a dese pacífico cidadán que cambia de vida e abandona estabilidade e familia cando comprende, a causa dun accidente, que todo é azar, casualidade. Tamén acurta o final da novela. Fóra diso, John Huston compórtase como un ilustrador fiel, case modélico. E de aí naceu unha auténtica obra mestra.

Te puede interesar