Opinión

Radiografía do horror

Remato a colaboración nesta 20 edición do Festival Internacional de Cine de Ourense cunha película que xa vin os primeiros días, a arxentina “Refuxiado”, de Diego Lerman e con Julieta Díaz e Sebastián Molinaro. Non só o tema da violencia de xénero asoma neste filme, xa que a situación á que se enfrontarán Laura e o seu fillo, a partir do abuso, abrangue moito máis do que un pensa. A protagonista non tolera máis o maltrato da súa parella e un bo día decide marcharse do seu fogar, xunto co seu fillo de sete anos, e outro que espera no seu interior, que leva no seu ventre. A partir de aí empezará a peregrinación por refuxios, en busca dunha saída. Laura non é a única que perde e deixa atrás o seu pasado: o neno abandona o colexio, os amigos, o barrio, e o director Diego Lerman detense neses momentos como se foran anécdotas, pero esfarélaas, esmigállas cun tratamento dramático, duro, profundo.


O traballo de cámara, case todo el en man, e a iluminación de tons ocres, escuros do director de fotografía, o polaco Wojciech Staron, non fan máis que achegarnos ós dous protagonistas. Porque polos ollos do neno vese, séntese todo o que pasa. O director non amosa a violencia, pero si as súas consecuencias. Tampouco ó marido maltratador; todo o que sabemos del é por referencias ou pola súa voz ó teléfono. Así é máis terrible o personaxe. O que non se ve sempre xera unha tensión inevitable.


“Refuxiado” non é un filme denuncia, nin se queda nela nada máis. É unha historia que parte dun abuso para acabar falando das relacións, da solidariedade e do espírito humano. O filme está cargado de tensión e malestar. Pero tamén con pequenos detalles mostra a fortaleza dun vínculo (o da nai e o seu fillo) que sobrevive á serie de naufraxios, de desacougos que se lle presentan case sen pausa.


Película rigorosa e veraz, auténtica radiografía do horror, que se converte nun preciso diagnóstico sobre a ameazadora violencia machista máis alá do fogar. Impresionante o traballo interpretativo. 

Te puede interesar