Opinión

Realidades nas festas

O venres pasado, día 7, pódese dicir que empezou a volta á normalidade, á rutina. Pero precisamente é hoxe, luns 10, cando a rutina se fai dona e señora da nosa sociedade, polo menos da galega, coa volta ó colexio. E alá foron unhas datas, unhas festas que, por segundo ano consecutivo, seguiron a ser bastante raras. Este ano mellor có anterior, pero aínda así... Esta pandemia estanos amolando a existencia, ou sexa, a normalidade. E creo que para a maioría dos mortais, non hai como a normalidade.

Sobre a propia festa de Reis, ou mellor dito, sobre os agasallos dos Reis (porque eu creo que este día só é para iso) xa teño opinado outros anos, polo que non procede repetirse. Só unha advertencia que nunca dixen: que agora mesmo os adultos se agasallen entre si, pero eu sempre fun da opinión que os Reis é tan só para os nenos, só unha festa infantil. O que pasa é que a certas empresas interésalles moito que o consumismo abarque canto máis días mellor. Mentres eu viva, para min, os Reis non eran o día 6 (certo que a opinión vese moi influída pola falta de agasallos, todo hai que dicilo), senón que eran o día 5 pola noite; no momento aquel no que unha tropiña de nenos nos dedicabamos a cantar os vilancicos, as panxoliñas. Que tampouco lles chamabamos así; simplemente era “cantar os Reis”. Esa era a gran festa das aldeas. As cabalgadas aparecerían moitos anos máis tarde.

Pero nin esas datas, nin esas festas extraordinarias foron quen de que nos evadiramos da realidade da vida. A realidade da vida, por veces, é fodida. E se non que llo pregunten a ese mar Mediterráneo ou a ese océano Atlántico que viron como en todo o 2021 morreron afogados máis de 4.400 inmigrantes, cando viaxaban nas pobres pateras intentando atopar o paraíso. Ese paraíso que nin tan sequera o cheiraron, xa que, ó pouco de saír, e saian de onde saian, xa se meteron, xa se introduciron no propio inferno.

Outra realidade case esperpéntica: que algúns piden cárcere para un home porque golpeou o coche do noso presidente do Goberno, de Pedro Sánchez; e con tantos ladróns (políticos) e asasinos que andan ás súas anchas polo noso país... Outra realidade brutal: para impoñerse, non hai coma o terror. O presidente de Kazajistán sábeo, e por iso da a orde de disparar contra calquera que se manifeste no seu país. Non vaia ser que se lle suban ás barbas. O ano novo non sempre trae saúde, paz, amor e prosperidade. E os Reis Magos deixan moito carbón que cheira a queimado.

Te puede interesar