Opinión

Resumo do 2014

Como adoitamos ser animais de costume, e levo xa uns cantos anos facendo o que adoita facer a xente e todos os medios de comunicación ó acabar un ano: o típico resumo. No meu caso, nesta columna, cinematograficamente falando. Imos alá.

Levabamos xa dous anos nos que as estreas cinematográficas na cidade de Ourense baixaran bastante, pero este pasado acabo de comprobar que volveron subir, e ademais bastante. É certo que non alcanzamos o ano 2011, no que se estrearon 143 longametraxes, pero, repito, subimos 18 con respecto a 2013, que foron 118, o que significa que os cinéfilos puideron ver neste 2014 un total de 136. A ver se é certo que estamos saíndo da crise... como da económica. É un dicir. Hai que destacar o mes de outubro con 18 estreas e o de marzo con 15. Con 13 está agosto; con 12, xaneiro e decembro; con 11, maio, xuño, setembro e novembro; con 9, abril; con 8, xullo e con 5, febreiro. Será porque é o mes máis pequerrecho.

Para España foi o ano de “Oito apelidos vascos”, para Ourense o de “A esmorga”, e para Galicia o de “Os fenómenos”. Para o cine doutros países xa sabemos quen impera no mercado, sexan obras mestras ou auténticas caralladas.

Quédanos o derradeiro parágrafo para nomear aquelas películas que, por unhas ou outras causas, son dignas de mención: “A propósito de Llewyn Davis”, dos irmáns Coen; “O gran desquite”, con De Niro e Stallone; “O lobo de Wall Street”, de Scorsese e con Di Caprio; “A gran estafa americana”, polos seus 10 nomeamentos ó Oscar; “Gravity”, de Alfonso Cuarón e Oscar para el; “Noé”; novas películas de “Godzilla”, “X-Men”, “Transformers”, “Torrente”, “As tartarugas ninja”, “Rec”, “O Hobbit” e “Os mercenarios”, “Lucy”, de Luc Besson e con Scarlett Johansson; o gran éxito tamén das españolas “O neno” e “A illa mínima”; “O xuíz”, con dous monstros chamados Robert Downey Jr. e Robert Duvall; “Interstellar”; “Exodus: dioses e reis”; “Big Hero 6” e “Invencible”, dirixida por Angelina Jolie. E que o 2015 nos siga traendo moito e bo cine. Feliz ano!

Te puede interesar