Opinión

Resumo do 2015

Élei de vida. Ó rematar o ano todos empezamos a facer balance do que nos deixou, desde un xornal ata unha televisión e pasando, faltaría máis, por un servidor. No asunto cinematográfico o que nos deixou é o típico resumo do que se estreou na nosa cidade. Semella unha trapallada, pero de cando en vez é bonito que os recordos saian dese caixón da memoria e sorriamos ou nos cabreemos cando asome este o aquel título que se proxectou en tal día ou en tal mes dalgunha das salas cinematográficas.


E botándolle unha ollada ó listado que me acompaña desde a primeira semana do pasado xaneiro, vexo que as estreas, en cantidade, seguen máis ou menos coma sempre. Que se o ano pasado, 2014, apareceron nas pantallas ourensás 136 longametraxes, este ano foron dúas menos; pero xa se ve que aí anda a cousa. O ano 2011 empeza a quedar lonxe, polo que alcanzar as 143 daquel semella xa moi complicado. Total só son 9 menos, o que vén significando xusto un mes de estreas. Si, porque 9 películas por mes foron as que máis imperaron ó longo do 2015, nada menos que cinco (febreiro, marzo, setembro, novembro e decembro). O mes máis pobre foi xuño, con tan só 8. O máis rico correspondeulle a xaneiro, con 17. En abril estreáronse 13. En maio e en outubro, 14. No xullo, 12. E no agosto, 11.


E xa rematamos co nomeamento daquelas películas que, por unhas ou outras circunstancias, son dignas de mención, dignas de asomar neste resumo anual: Liam Neeson asume o rol que deixou Charles Bronson na década dos oitenta en plan de vingador con “Vinganza 3”; os irmáns Wachowski (famosos por “Matrix”) estrearon “O destino de Xúpiter”; moito barullo por “Cincuenta sombras de Grey”; Clint Eastwood nunca decepciona, aínda que “O francotirador” non sexa das súas mellores; Kenneth Branagh meteuse con “Cenicienta” e Will Smith participou en “Focus”; seguen, por suposto, as sagas, como “Misión imposible 5”, por exemplo; asomou Ridley Scott con “Marte”; o último James Bond con “Spectre”; Spielberg con “A ponte dos espías”; a española “Oito apelidos cataláns” e a galega “A praia dos afogados”.

Te puede interesar