Opinión

A riqueza da nosa lingua

O outro día escolleron por votación popular a palabra cibercarracho como a mellor do ano. Sinceramente, fíxome graza; non polo de ciber, senón polo de carracho. Aínda máis, carracha paréceme máis bonita. Temos unha lingua que, ás veces, non a merecemos e, algúns, por suposto, xa non a queren. Non saben o que se perden.

Porque falando da riqueza da nosa lingua, hai tempo que me atopei cunha palabra que me deixou abraiado, máis que pasmado ó ver os sinónimos que arrastraba tras súa. A palabra é Pandorco. Aí vai (e ollo, que leva un cacho): palafustrán, foupeiro, lacoeiro, nugallán, camanduleiro, manganeiro, preguiceiro, pelandrán, mangoleteiro, galbán, amaiado, lacazán, moulán, magallón, vagaxeiro, furaolas, talabarte, calaceiro, añoto, macandón, vergallán, golfante, bracaeiro, nugallas, mamacallos, bregallán, vago, anugallado, gandulo, camándula, mangante, pousafoles, manguelo, zangamúa, vagaroso, maloután, loubán, candongo, trasfogueiro, preguizán, palanquín, folgazán e lercho. Que, cansastes ou non? Hai riqueza ou non hai riqueza?

Despois tamén temos palabras que valen tanto para o tute como para a brisca. O mellor exemplo está no patrón de toda a lingua galega, no patrón de toda a patria galega: o carallo. Creo que máis ou menos xa todo o mundo coñece ou sabe de certas expresións que circulan polas redes sociais en canto a esa palabra; desde “ai que carallo!”, en referencia á resignación, ata “vai ó carallo!”, significando desplante, pasando por “pero, que carallo pasa?”, sobre a estrañeza, e rematando “no quinto carallo”, ou sexa, no infinito e máis alá. Só puxen o exemplo de catro expresións das vinte e seis que teño ás vistas.

E pensar que algúns pandorcos intentan desprestixiar esta lingua... é coma para exclamar que ten carallo a cousa ou róncalle o carallo!

Te puede interesar