Opinión

Ritmo pausado

Da parella de anciáns de “Deixade paso ó mañá” ó sacerdote e á monxa de “As campás de Santa María”, pasando polos namorados de “A pícara puritana” e “Ti e eu”, o que propón Leo McCarey nestes filmes é o retrato duns personaxes reconcentrados, encerrados no seu propio mundo, alleos por completo ó universo exterior e á época que lles tocou vivir, que ó final, dun modo ou doutro, acaban atopándose fronte a fronte coa realidade da que pretendían fuxir e que sempre, a pesar de todo, acaba empóndollas. A miúdo inscritos en decorados irrealmente idílicos, presas de sentimentos extremos e quizá pasados de moda, os protagonistas de McCarey adquiren así unha especie de espiritualismo hedonista a contracorrente, persistente e teimudo, que os enfronta case romanticamente á sórdida realidade, e á vez os condena a un acatamento forzoso das regras sociais do entorno en que viven, xa sexa en forma de separación definitiva (“Deixade paso ó mañá”, “As campás de Santa María”) ou de aceptación das súas limitacións (“A pícara puritana”, “Ti e eu”).

A intemporalidade, así, de personaxes e decorados, a súa negativa a pertencer a un contexto histórico concreto, adquire a súa máis adecuada plasmación estética e narrativa no propio estilo do cineasta: intentando impoñerlle ás súas películas un “tempo” á vez realista e flexible, minucioso e fragmentario. Leo McCarey caracteriza ós seus protagonistas como alleos ó ritmo exterior do seu tempo, tal e como os seus filmes pretenden impoñer o seu propio ritmo, pausado e contemplativo, á ollada do espectador. Deste modo, o seu cine non só se asemella actualmente como quizais o máis “descolgado”, o máis indiferente á corrente xeral da súa época, senón que ademais loce esta condición ostentosamente, case con evidente orgullo, o que explica a súa absoluta negativa a evolucionar cos tempos, é dicir, dalgunha maneira, a acomodar, a axeitar o seu estilo ás esixencias das modas.
 

Te puede interesar