Opinión

Saber filmar a soidade

Pensei que xa se me escapaba. Pero non se me escapou. Xa quixen ver “A esmorga” o día da súa estrea no Festival de Cine de Ourense, pero claro, foi imposible. Despois, por unhas e outras cousas, foron pasando os días e non había unha data apropiada para vela. Porque tamén a quería ver o meu fillo máis vello. Eu, así coma quen non quere a cousa, dixéralle que o máis seguro é que no colexio o obrigasen a ler o libro. “Ah, pois entón vexo a película, que así resúmoa mellor” (non lle gusta ler). Chegounos a salvación cando empezaron a proxectala no Auditorio. Non falei dela o sábado porque había que facer o resumo cinematográfico anual.

Hai que ter bemoles para trasladar ó cine o novela de Eduardo Blanco Amor. Primeiro quixo telos Gonzalo Suárez, pero fallou no intento. E agora tocoulle a quenda ó noso director Ignacio Vilar. Este pódese dicir que seguiu de pe a pa a novela do escritor ourensán e haille que recoñecer que soubo plasmar perfectamente o mundo “blanco-amoriano” (tamén os da Academia de Cine pensan o mesmo, xa que acaban de incluír o filme nos Goya, no apartado de Guión Adaptado). 

Todo o mundo fala marabillas das actuacións do trío protagonista (e con razón), pero “A esmorga” vai máis alá. Vai incluso máis alá desas típicas borracheiras que poden ser fáciles de filmar e interpretar, pero tamén hai que saber filmar a soidade, e o filme ten momentos de auténtica soidade que se ve e se le nos ollos de calquera dos protagonistas. É fácil soltar unha gargallada, pero hai olladas que doen, que mancan. Por iso “A esmorga” penso que é auténtico cine negro, pero feito en Galicia. 

Ignacio Vilar amosa unha moi lograda atmosfera na que se ve un excepcional traballo de ambientación, acompañado dunha boa fotografía e localizacións que tiñan que ser á forza esas, precisamente esas. No filme vese o universo murcho, desesperado, amargo e desolador de Eduardo Blanco Amor. Non é unha simple historia de borrachos. É unha historia de amor, de inquietudes, de dúbidas e de destrución. Cataclismo que se intúe xa desde o principio. Gran cine, non só galego, incluso español. Oxalá a maioría das ianquis foran como esta pequena xoia.

Te puede interesar