Opinión

Saco de ósos

Deus, que cara de cabalo!”. Este comentario correu como a pólvora polos estudios da RKO cando a moza Katharine Hepburn fixo a súa primeira aparición na meca do cine. David O’Selznick, entón director de produción, estivo a piques de que lle dera algo. Non podía crer que gastara 1.500 dólares polo contrato daquela muller vestida de forma extravagante, cun ollo ridiculamente inchado e un aire insultante.

George Cukor, descubridor de actrices por excelencia, era o único capaz de tal achado, de tal descuberta. El foi o primeiro en ver unha proba daquela moza do este e quen se empeñou en levala a Hollywood. Sucumbiu á fascinación da ollada de “unha boa en xaxún”, segundo as súas propias verbas.

Os directivos da RKO foron incapaces de comprender que aquel “saco de ósos” cambiaría os férreos modelos de Hollywood. A rubia inxenua que buscaban para “Dobre sacrificio” (1932) sería substituída por esa outra clase de muller que nin sequera perde a cabeza cando se namora.

Katharine Hepburn adiantouse ó seu tempo. Quizais esa sexa a razón de que moitas das súas películas gusten máis hoxe que cando se estrearon. Tivo que facer prevalecer os seus criterios nun mundo hostil a toda innovación. E xamais cedeu.

Nin sequera deu o seu brazo a torcer cando non era ninguén. Quixeron utilizar a súa vida privada para a promoción, pero negouse categoricamente. A proba é que tardaron anos en saber que era unha muller casada. Esforzáronse en cambiar a súa imaxe, furtándolle o desgastado mono que adoitaba vestir, e paseou en bragas ante os fotógrafos, polo que non lles quedou máis remedio que devolverllo. Con ela non puideron.

Todo iso ocorreu durante a rodaxe da súa primeira película, a citada “Dobre sacrifico”, dirixida por Cukor, e nunca se rendeu. Fixo ben, xa que polo seu terceiro filme, “Gloria dun día” (1933), acadou o primeiro dos seus catro oscar. Pero quizais o máis importante desta primeira etapa no cine fora o seu encontro con George Cukor, con quen chegou a traballar en oito películas e quen, a maiores, sería un dos poucos amigos na industria cinematográfica.

Como penso que foi a máis grande de todos os tempos, para a semana saberemos algo máis dela.

Te puede interesar