Opinión

O Samurai cego

Nado da man dun escritor, Kan Shimozawa, e protagonista, entre 1962 e 1989, de nada menos que 26 películas, o personaxe de Zatoichi, O Lobo Branco, un samurai cego que, como os grandes pistoleiros do Oeste ianqui, percorre Xapón impartindo xustiza, é a estas alturas todo un clásico da cultura popular nipona. Resulta curioso que un Takeshi Kitano no cénit da súa carreira aceptara unha encarga que aparentemente se afasta das súas preocupacións estéticas, para rodar cun personaxe es- tereotipado o seu primeiro filme de época.

E máis estraño parece, nunha primeira e rápida visión, que acepte todas as convencións anexas ó personaxe: as anteriores películas protagonizadas por Zatoichi inclúen tanto traballados duelos a katana como números musicais, e fan da infabilidade do personaxe coas armas na man a súa mesma razón de ser. E, emporiso, unha visión máis tranquila de Zatoichi permítenos ver a brillantez, a intelixencia e o sentido do humor que percorren centralmente todo o filme, ata facer del toda unha lectura chea de contradicións e gozosos subliñados, ó tempo que unha irónica revisitación de todos os ítems do cine de samurais, violencia incluída.

Ten Zatoichi a aparencia dun filme de aventuras (que o é), pero no cal, de súpeto e sen vir a conto, irrompen algúns elementos estraños: uns labregos que semellan arar un campo convértense en rítmicos músicos que golpean a terra cos seus aparellos; brotes de humor case surreal, e unha clausura do relato como un musical de Hollywood clásico, con toda a tropa, mortos incluídos, bailando un prodixioso, incrible claqué con zocos de campesiños.

Todo isto, claro está, aderezado cos ingredientes do cine samurai, os duelos, os estalos de sangue que, en Kitano, como en algún dos seus discípulos (Tarantino, por exemplo), borran os seus perfiles sinistros nunha coreografía tan formalmente virtuosa como ó final imposible, tan aparatosa e teatral como irreal e estilizada. Zatoichi é algo máis que unha película de acción e virtuosismo; é desas que nos fai lembrar a infancia.

Te puede interesar