Opinión

Sempre hai alguén peor ca un

Calquera se atreve hoxe a comentar algo sobre a situación política do noso país. Eu, e debido a que non son un entendido, moito menos. Ten toda a pinta dun avesporeiro. Como para comentar algo; que te poden aguilloar. Mellor que se “piquen” entre eles. Sinceramente, hoxe non me quero ver na súa pel.

Como tampouco me quero ver na pel dos países mediterráneos. En referencia ós incendios, digo. A esta zona non lle chegaba xa cos pobres afogados da inmigración, como para apandar agora cunha nova traxedia que desola, que devasta, que acaba con todo. Si, España tamén pertence ó Mediterráneo e, aínda que por agora os incendios nos están a respectar, xa chegarán, xa. Porque todo chega. E esta eiva sabemos que nos visita todos os anos.

Aínda que para desolación, a de Sinéad O´Connor. Gustábame como cantante. Era boa cantante. Só a coñecía como cantante. Mais ó seguinte día de que falecera lin unha crónica, un artigo que me deixou medio fundido (e a pesar de coñecela tan pouco). Sobre a súa vida. Horrible. Espantosa. De auténtico inferno. En casos coma este, cae un na conta de que sempre haberá alguén que está peor ca un. Sempre. Lembro, hai máis de vinte anos, cando a un fillo meu o vin, con tan só oito meses, con varias sondas médicas polo seu corpiño, que se me foi a alma ós pés. Naquel momento parecía que se me acababa o mundo. Non obstante, ese mesmo día ou ó seguinte, vin a uns cantos nenos máis ingresados e souben ó momento que, tanto eu coma o meu neno, eramos uns privilexiados, a pesar da súa enfermidade. Sempre hai alguén peor ca un. Sempre. A vida de Sinéad O´Connor nin tan sequera se debería contar. E se se conta, hai que ter estómago para facelo. Pobre muller. Que a terra lle sexa leve. Menos mal que a súa música será xa sempre eterna.

Cambio de chaqueta, digo de asunto. Como non tarda en volver o fútbol de competición, volverá tamén o racismo a estar en boca de todos (parece que só hai racismo no fútbol). Ou non. Porque o fiscal contra os delitos de Discriminación, Miguel Ángel Aguilar, non ve en España un país racista. Como xa o dixo Feijóo, como xa a dixeron varios políticos máis e como o dixo este fiscal, pois vai ser que, efectivamente, non hai racismo. Inocentes, que sodes uns inocentes!

Te puede interesar