Opinión

Sensacións

Cando botei a andar deume a sensación de que non me movía; máis ben que flotaba. Nin unha cousa nin outra... corría coma un galgo, aínda máis que un galgo. Corría á velocidade dun lóstrego. Nese momento caín na conta de que Supermán, ó meu lado, sería un sapoconcho galáctico. Hai que dicir que cando me poño, póñome. Non son dos que digo as cousas e, logo, miro para os biosbardos. Actúo. Actuei sempre. Si, con algo de esaxeración, pero actuei sempre.

Lembro unha vez que quixen imitar a Mad Max facendo do monte Medo o meu deserto particular e buscando gasolina por entre as xestas, piornos, codesos e piñeiros. O único que atopei foi unha impotencia de tal magnitude que de Mad Max pasei a Iron Man. Non conseguín dar nin dous pasos. O carallo da armadura pesaba o triplo ca min. Como dicía ó principio que corría tanto, nun amén cheguei ó planeta de Kryptón, onde me fartei de esperar polo pánfilo de Supermán, que, como dixen, era máis lento que unha tartaruga. Cando chegou saudeino pero burleime del pola súa lentitude. Volvín ó planeta Terra a tal velocidade que non ten explicación. Porque en vez de correr, boteime de cabeza. Aterrei no pararraios da igrexa de Baños de Molgas.

Hai que borrar todo o que escribín. Tanta parola, tanta lapexada, tanta leria e a realidade estaba na primeira sensación: que non me movía, non me movín. Seguía no portal da casa e, o peor, que agora si teño a sensación de que durmirei á intemperie.

Te puede interesar