Opinión

Si, pero non

Agora xa case se pode dicir que, para nós, os de Ourense, o desconfinamento empeza a ser unha realidade, que pouco a pouco a vida volve á súa normalidade, aínda que, iso si, con certas medidas e con moito sentidiño. Emporiso, ás veces penso que case fora mellor que seguiramos confinados. E non o digo xa por eses que non respectan as normas, que sempre hai a tira e máis, senón por min mesmo. Agora co desconfinamento non queda outra que ir algún día á aldea. E na aldea nos vas estar de brazos cruzados. Ou sexa, que non queda outra que facer algo útil. Claro, rematas o día ou a mañá pensando seriamente que ben mellor se estaba na casa sen facer nada; ou durmindo, ou lendo, ou xogando ó trivial, ou vendo a televisión. Cambia, cambia moito o confinamento do desconfinamento. Pero que todo sexa polo ben de país.

Sigo, non obstante, botando de menos certas cousas. O café no bar xa se pode tomar nunha terraciña se tes mesa, claro. Pero aínda téndoa, non é o mesmo; estás só, non tes moito con quen falar (son dos que lle dou á lingua de raio), nin tan sequera co propio camareiro ou camareira, porque a maiores da distancia, a maldita máscara non axuda nada para as conversas. 

O fútbol si, o fútbol é o que boto de menos en cantidade. E non xa só polo ambiente dos bares, senón pola propia paixón en si. Esa ansiedade das vitorias e das derrotas, ese nerviosismo ante a situación dos equipos galegos. Ese estudo das personalidades da xente e dos propios protagonistas que están sobre o campo. A ver, semella que o día 20 de xuño volve o fútbol, pero tampouco será o mesmo coma antes. A paixón do público é un tanto por cento moi alto para ver a fermosura de calquera deporte. Os partidos sen público perden moito; queda en mans dos comentaristas televisivos o levantarlle ó espectador un chisco a moral. Creo que nestes casos é moi importante saber narrar ben un partido. Teñen que saber suplir ese ruído de fondo cos seus comentarios.

E xa por último, boto de menos a biblioteca, o contacto aquel cos libros. O de analizalos, estudalos, tocalos para poder coller en préstamo dous ou tres ou os que me deixen. Xa hai moito tempo que rematei os cinco que pillara.

Te puede interesar