Opinión

O símbolo de curva á dereita

Alguén (pénsase que foi o seu veciño) esparexeu uns carteis pola vila nos que se dicía que había que poñerlle un sinal de tráfico na fronte a Abel Asirio Salonde co símbolo de curva á dereita. Agora, entre os veciños da vila, estaba a dúbida do seu significado: porque Abel torcía un chisco o andar cara á dereita? Ou porque Abel estaba a volverse das dereitas cando sempre foi un presunto nacionalista? O de torcerse cara ó lado dereito é certo. Desde rapaz ladeou para ese lado a causa dunha mala postura que lle puña ó pé. E o da cuestión política creo que tamén é verdade. Duns meses para acá, ou ben por liortas internas no seu presunto partido nacionalista ou ben porque sabía que nas dereitas se vive moito mellor, o caso é que se lle notaba a leguas que empezaba a cambiar de bando. Abel Asirio Salonde rosmaba polo baixo cada vez que se atopaba con ese cartel. E tiña que rosmar a miúdo, porque había folios esparexidos polo chan e cravados nas árbores das beirarrúas a esparto, a mareas.. Aínda así deulle un plus de inventiva e orixinalidade ó que descorreu o símbolo de curva á dereita.

Te puede interesar