Opinión

Sobredose de hip-hop

O hip-hop está ben para o que lle guste. Pero dito isto, poñamos sobre aviso de que “You got served” (2004) é unha sobredose de hip-hop. Non hai nada máis. Se acaso, a típica película de duelos continuos nun escenario-ring (neste caso combates de baile por equipos e sen regras fixas); algo así como “Karate Kid”, pero coa particularidade de que, por comparación, “You got served” é capaz de converter a aquela película nunha obra mestra do cine.

Isto tampouco é “8 millas”, outro filme ambientado no mundo do hip-hop e tamén con desafíos a base de rimas e cancións nun escenario. Pois aquí non hai a máis mínima intención de arrodear á música de certo cine social, como ocorría na película de Curtis Hanson protagonizada por Eminem. “You got served” está máis preto da pallasada de “Honey”, outra de hip-hop.

A venda ou a compra ilegal de drogas e a violencia entre bandas esfúmanse bastante, funcionan só como pano de fondo, máis como obrigación que como intención. De feito, a palabra droga semella prohibida ó longo de toda a metraxe, e iso pese a que os dous protagonistas dedican o seu tempo libre a traballar como traficantes. Do mesmo modo que tampouco se xustifica que o rapaz das trenzas ande metido en semellantes leas cando, a xulgar pola casa na que vive coa súa nai, parece proceder dun estrato social máis ben elevado.

En cambio, o que si prolifera é unha gran concentración de lugares comúns, do tipo dos flirteos coas irmás dos amigos sempre acaban en liortas; o máis débil sempre acaba espichando; os pais dan uns consellos xeniais sobre a vida no leito de morte; as avoas son os seres bondadosos da familia, o malo da película sempre ten que ser louro platino.

Ten un moi proveitoso punto de arranque o filme “O espertar”, un discreto pero a cachos efectivo exercicio de aparente deconstrucción narrativa revestido de cine criminal, que, non obstante, non está pensado para máis alá de pasar un rato agradable. O filme non ten credibilidade e axiña se lle intúe o final.

Te puede interesar