Opinión

Somos un soño imposible

Somos un soño imposible que busca a noite, di Raphael. Seremos. O que si sei seguro é que, agora mesmo, son o silencio nesta tarde que abrasa, que arde. Fun silencio pola mañá. Levo xa en silencio varios días. E iso que por ganas de berrar non queda. Quero berrar ata esgazar a gorxa. Está prohibido. Hai que quedar en silencio. Para non facer ruído.

Somos un soño imposible que busca a eternidade, digo agora eu. Aínda que tamén din que nada hai imposible. Eu mesmo aseguro que a esperanza é o último que se perde. E soño neste silencio que me arrodea, nesta canícula que me queima. Pero aguanto coma os heroes. A min non me vence calquera. Soño neste silencio que se interrompe cunha estraña canción de rap á que, por suposto, non lle presto atención. Porque teño outras cousas polas que soñar. Somos un soño imposible que busca o pasado, sigo dicindo eu. Porque é o que me queda. Pois o futuro véxoo moi negro. Hai silencio no presente. Houbo ruído no pasado. Pero volverá haber silencio no futuro. Como dicía aquel: moito ruído e poucas noces. Non obstante, intentarei berrar por entre os piñeiros dos Castros e baixo unha batuta que dirixirá os meus sentimentos. Porque eu tamén teño principios de soñar sen facer ruído, ou de soñar en silencio para que todo se volva rebumbio, algarada, barullo. Agora que cada quen opine o que lle pete. A liberdade está en soñar esperto; ou quizais sexa mellor dicir que soñando esperto tes toda a liberdade do mundo. Que quizais sexa verdade que somos un soño imposible.

Te puede interesar