Opinión

Son eu; non ti

Son o zumba zumba que zorrega na porta e deixo que os pés bailen ó ritmo dun consolo. Son o prebe dunha potaxe que alimenta os soños dun escornabois polo camiño da Pillamadoira. Paso as páxinas dun dicionario buscando unha palabra que se pegue ó meu peito e tan só me deteño en “silencio”. Busco o verbo “berrar” e unha nota en cursiva mándame a “ruído”. Desisto e quedo en silencio. Deixo que as miñas pernas se movan ó ritmo de Fred Astaire. Pero tan só tremen porque estou sentado nunha cadeira de madeira. Sentado ante un ordenador que pinga palabras que eu lle arrebolo. Quero ser o espírito maligno dunha intuición que asoma por entre os asentos dun coche, pero son unha alma bendita que se arrastra polo asfalto desas estradas cheas de fochancas. Que ninguén pense que me estou humillando. Tan só se abaixan os pobres de espírito, os que se senten escuros nos días de máximo esplendor. Son o dálle que dálle a un sentimento eterno que navega por un mar bravo ata que rebenta no acantilado da indiferenza. Son eu, que non es ti. Son o verso escrito e non a novela barata. Ou a novela a medias. Seguen os pés patexando ó ritmo dun soliloquio eclesiástico, dun monólogo segrar. Porque eu son a droga do insomnio, a doenza nunha noite pecha. E déixome levar pola forza do vento. E déixome influír polo ruído do mar. E déixome aconsellar polo silencio do tempo. Porque eu son aquel que chouta por entre os salgueiros do monte Medo.

Te puede interesar