Opinión

Soñaba con ser carpintero

Contan as crónicas que Edmundo Vitoria, o fillo do Marañas e da Mañosa, quería ser carpinteiro, pero tiña un problema moi grande: que non sabía distinguir unha madeira doutra. Custáballe saber cal era o bidueiro e cal o chopo, ou cal o carballo e cal o castiñeiro. A este só o distinguía polos ourizos das castañas, xa que, ó outro, nin tan sequera polas belotas. Logo, para máis aquel, o fillo do Marañas e da Mañosa, tampouco sabía medir a ollo. E nesta nosa vida non hai como medir a ollo. Un carpinteiro, se non mide a ollo, para onde vai, o pobre! Así é que a Edmundo non lle quedou outra que sentar no mazadoiro da burga e esperar a velas vir. Claro que, por non saber, nin sabía o que esperaba. Ó mellor que pasase o tempo ou, pouco a pouco, medir a ollo, por exemplo, as pedra da fachada da taberna. E se reviraba a cabeza podía estudar ben a fondo os amieiros do río Arnoia. Polo menos así chegaría a coñecer ben unha árbore. Tampouco sería estraño que só coñecese un tipo de madeira. Podía ser un profesional do amieiro. Contan as crónicas que, co paso do tempo, o fillo do Marañas e da Mañosa deixou de soñar con ser carpinteiro para facerse cura e vivir do predicamento. E, iso si, desde o púlpito, sempre estaba medindo a ollo o espazo que ocupaban os seus fregueses.

Te puede interesar