Opinión

Cun sorriso e unha bágoa

Tras o triunfo de “Armas ó ombro” (1918), Charles Chaplin rodou “Ó sol” (1919), que foi un relativo fracaso. Neste ano, cando o seu matrimonio con Mildred Harris amosaba xa signos de irse a pique, sufriu unha crise de carácter persoal. El mesmo conta na súa autobiografía que ía todos os días ó estudio, xunto co seu equipo de colaboradores, e esperaba en van, en balde unha inspiración que non lle chegaba nunca.

Xusto cando desesperaba de atopar unha nova idea, achegouse a un musical-hall no que Jack Coogan realizaba o seu número de baile exótico. O seu fillo de catro anos realizou unha breve aparición xunto a el, e Chaplin sentiuse tan engaiolado pola personalidade do pequeno que empezou a pensar ó momento nun guión no que interviren Charlot e o neno. O pai do neno acababa de asinar un contrato con Fatty Arbuckle, pero como o seu fillo estaba dispoñible, Charles Chaplin contratouno de inmediato.

Jackie Coogan interpretou ó fillo pequeno de Charlot en “Un día de troula” (1919), como preparación para o seu papel, moito máis longo e importante, en “O cativo” (1921). Chaplin descubriu que se trataba dun actor nato e que aprendía con enorme rapidez.

O cariño real que naceu entre os dous amósase perfectamente na película. Na autobiografía, Chaplin comenta que na emocionante escena na que Jackie chora de verdade cando os empregados do orfanato o levan, logrouse facendo que o seu pai o ameazase con que, se non choraba, levaríao do estudio e poríao a traballar nun taller.

“O cativo” empezaba cun título que dicía: “Unha película feita cun sorriso, e quizais cunha bágoa”. Aínda que nas súas películas anteriores Chaplin introducira xa os sentimentos e o patetismo, aquela foi a primeira vez na historia do cine cómico que alguén se arriscou a mesturar unha historia dramática e case tráxica coas risas e a farsa.

Os espectadores responderon con entusiasmo ó filme aceptando sen o menor problema a súa peculiar combinación de sentimentalismo e humor. E aínda que houbo algúns que non se convenceron moito do éxito do mesmo, hoxe hai que aceptar xa que é un clásico do cine mudo e de toda a historia cinematográfica.

Te puede interesar