Opinión

Unha tarde demasiado escura

A tarde está tan nubrada, tan encapotada, tan escura que semella noite. Son as cinco en punto da tarde. Dunha tarde que aínda non é noite. Semella que si, pero non é. As semellanzas ás veces son coma quimeras, é dicir, que non valen nada de nada. Seméllase a… pero. Pero aí está o quid: que non é igual. Que demo!, xa o dicía Shakespeare: ser ou non ser (el dicíao en inglés: to be or not to be; creo) Pois iso, ou se é ou non se é. Non hai semellanza que valga. No nariz seméllase ó Ignacio de Cachamuíña. Pero non é o Ignacio de Cachamuíña, senón que é o Evaristo das Teixugueiras. Se o balón non dera no traveseiro, entraba. Deu no traveseiro e marchou para fóra. Puido dar igual no traveseiro e entrar, pero non o fixo. E punto. Se non fora o rabo, empreñaba a burra. Ou a vaca. Pero para iso estaba alí o rabo, para que non empreñasen nin a burra nin a vaca. Ser ou non ser. É ou non é. Nin a sorte nin a semellanza existen. O es parvo ou es estúpido. A tarde sigue nubrada, encapotada. Non sei se esta escuridade me está afectando. Semella que si, pero…

Te puede interesar