Opinión

Terei que aprender a voar

Nove en punto da noite. Un móbil cargando a súa batería. Un ordenador aberto e funcionando sobre unha mesa de madeira. Cambio de tema musical. Agora toca un de Queen. O tempo pasa nesta noite dominical e as nubes non deixan ver as estrelas. Quero marchar para o planeta Marte pero ninguén me quere alugar unha nave espacial. Terei que aprender a voar. Preciso ás para voar. Ó mellor chégame con soñar. Nirvana polos auriculares. Nove e dez da noite. Fóra vai frío. Na casa, a calefacción funciona. Tres dicionarios sobre a mesa. Por veces hai que botar man deles. Un ten a intelixencia dun toxo verde. E menos mal. Krahe e Sabina queren pisar o acelerador. Con sentidiño, por deus, con sentidiño. Que despois pasa o que pasa. Pasa o tempo e nada se detén. Nin tan sequera a canción. Nin tan sequera os latexos do corazón. Nin tan sequera as ondas do mar que veñen e van. Agora que cada quen pense na estrela que quere visitar. A min, xa dixen, chégame con ir a Marte. Pero non teño nave espacial. Terei que soñar. Listados de temas musicais espallados pola mesa e un bolígrafo vermello marcando o que teña que marcar. Nove e dezanove minutos da noite. Desta noite nas que oulean os lobos e se envorcallan os xabarís. Tan só o silencio da noite será silencio nese sentimento que emerxe, que flota nun entresoño eterno. Non sempre é fácil conciliar o soño. Nin tan sequera baixo a estrela errante de Lee Marvin. O cursor do rato do ordenador deixa de pestanexar ás nove e vinte e catro da noite.

Te puede interesar