Opinión

Todo é ansiedade

Librei de caer rendido ante as flores dunha carqueixa. Loitei para ganar a batalla contra as silveiras. Ás veces dáseme por formar guerras eternas, aínda que as liquide en dous compases de canción, un suspiro de paixón e un berro de emoción. Son o guerreiro das almas perdidas e o heroe dos tempos remotos; aqueles nos que os campos de batalla transcorrían, todas elas, polas airas e montes da contorna, da bisbarra.

Cada vez camiño máis firme polos recantos da memoria e descanso naqueles recordos nos que a flor do toxo brillaba no máis alto do outeiro. Sempre quixen imaxinar que a vida era un ir e vir polos carreiros da existencia para, ó final, iso si, asubiar (ou cantar) unha misa de réquiem. E que cada un pense o que queira.

Collo os guizos que están formando unha presa, un encoro, unha vaira para que a auga corra pola caldeira do desexo. Aquela cobiza que se quere e que nunca se alcanza, aínda que a esperanza non se perda. Todo é lume nesta tormenta que se intensifica, que aumenta. Todo é fogo nesta treboada que non me deixa.

Librei de caer rendido ante o piar dunha laverca. Loitei para ganar a batalla (e a guerra) contra as flores das cerdeiras. Por veces dáseme por formar algunha apocalipse nos soños máis incómodos e nos insomnios máis longos. E por onde paso, arraso. Son ese heroe que nunca perde nas batallas máis longas. Deixo que os anhelos e devezos vaian ó seu ritmo por entre todas as trincheiras. Todo é ansiedade neste ir e vir da miña conciencia. Todo é memoria. Todo é lembranza. Todo é silencio. Todo é un berro. Todo é unha quimera.

Te puede interesar