Opinión

Todo o que entra sae

Cando eu, precisamente eu, levo dous días sen escribir e case sen ler, malo! Algo non cadra. Non cadra a saúde neste corpo, hoxe, escarallado, griposo, nugallán e moi pero que moi cansado. Non teño ganas de nada. Ata nin teño ganas de soñar, que xa é dicir. Co que a min me gusta soñar esperto. Todo debeu empezar por un condenado cacho de sandía. A ver, a sandía se realmente está rica penso eu que é coméndoa fría, canto máis fría mellor. Na seguinte madrugada xa notei algo raro na gorxa. Axiña pensei na auga da burga de Baños de Molgas; ou sexa, de beber dela, que eu ben sei que, a ese respecto, é man de Santo ou man de curandeiro. Pero como asunto coincidiu en fin de semana, houbo que aguantar. Logo da gorxa, asomou pola miña cachola unha dor tan forte que me imaxinei danzando o baile de San Vito. Era domingo. Non obstante, o periódico había que lelo, o cafeciño había que tomalo e o pan había que mercalo. O paseo foime bo, despexoume algo. Así é que dei outro paseo pola tarde. Pero ó meterme na casa, máis en concreto na cama, nin libro que valla nin ansias dun Pingas de Orballo. A gripe xa atacaba a esgalla: mocos e, hoxe pola tarde, voz tomada. Pero, coidadiño!... todo o que entra sae. Vaia se ha de saír! A testán non me gana ninguén.

Te puede interesar