Opinión

Todos contentos

Relación complicada a que manteño con esta columna hebdomadaria. Escríboa ós sábados, publícase ós luns e quedan no medio os domingos, que, xeralmente, son cando se celebran grandes eventos, grandes acontecementos, xeralmente os deportivos e... os políticos, ou mellor aínda, as eleccións democráticas. Ante iso, case é normal que manteña coa columna unha relación de amor-odio. De amor porque, aquí, aínda que sexa malamente, escribo sobre aquilo que máis me mancou ou que máis me doeu no transcurso da semana anterior ó sábado no que escribo. E de odio, polo xa comentado, por eses acontecementos que se botan enriba de min e dos que non podo “estar ó día” neste Recuncho Hebdomadario.

O mellor exemplo está nesta propia columna, na de hoxe: que, nese “baleiro hebdomadario”, houbo unhas eleccións xerais das que non podo dicir nada porque, cando escribo, aínda non se celebraron, e cando se publica, xa hai vencedores e vencidos.

Non obstante, si aseguro que tanto uns coma os outros están todos contentos. Lembro as primeiras votacións da democracia que, por unhas ou por outras causas, me pillaban un pouco cunha inocencia demasiado inocente. A min doíanme a maioría das veces os resultados e, ó día seguinte das votacións, todos os partidos políticos estaban contentos, mesmo os que máis perdían. Así, unhas votacións detrás doutras. Agora tamén é certo que xa levo unhas cantas nas que non me angustio porque ningún dos interesados se angustia. Sempre se busca algo para... para non quedar mal. Os que ganan, normal que estean contentos. Os demais, o típico: contentos porque alcanzamos tantos votos, contentos porque pasamos por enriba daqueles, contentos porque ganamos en tales ou cales provincias, contentos porque o inimigo, calquera inimigo non acadara os obxectivos, e así ata o infinito e máis alá. Sempre hai algo.

Deixo o último parágrafo para comentar algo que dixo o outro día o señor Núñez Feijóo. Que seica o movemento independentista se apaga. Como o espazo se acaba, tan só lle vou contestar cunha frase: a miña cabeza arde, señor Feijóo! A bo entendedor, poucas palabras bastan.

Te puede interesar