Opinión

Un can no Far West

Sigo intentando cambiar de rexistro. Non todo vai ser Hollywood ou xente relacionada con ese lugar. De cando en vez é bo facer cambios para non aburrir con tanta película ou con tantos intérpretes ou realizadores. Hoxe dáseme por falar dun animal, máis en concreto dun can. Entre todos os cans valentes destaca, por suposto, Rin Tin Tin; aínda que a súa historia non está libre de sombras. Pero alá polos anos 60 moitos deixabamos de durmir a sesta para ver a ese can de aventuras e espazos abertos capaz de choutar un valado, morder a un comanche e desarmar a un pistoleiro. Rin Tin Tin foi un dos animais que marcaron a nosa infancia coma o cabalo Furia, o delfín Flipper ou a mula Francis. Era un pastor alemán que, por certo, non debería actuar nas películas do Far West porque esa raza só existe desde 1899, cando a desenvolveu en Alemaña un capitán da cabalería.

Sobre o can máis famoso do mundo (aínda que lle habería que pedir tamén permiso a Milú, Lassie e o sabuxo dos Baskerville), e logo de converterse xa nunha estrela cinematográfica, contábanse cousas tan esperpénticas como que o alcalde de Nova York lle entregou as chaves da cidade, que almorzaba mellor que un príncipe e que deixara escapar o seu derradeiro alento nos brazos da actriz Jean Harlow, que non estaría mal, claro.

Dicir que na realidade, Rin Tin Tin ten unha longa historia que se remonta á Primeira Guerra Mundial, onde un soldado estadounidense o atopou de cachorriño nun campo de batalla na Francia de 1918. Seica estaba nunha canceira militar que abandonara o exército alemán e chea de máis cans desa raza mortos polos bombardeos. O soldado atopou entre os cadáveres a unha cadela viva que acababa de parir e quedouse con dúas crías, un macho e unha femia.

Tal soldado levou os cadelos a Estados Unidos cando rematou a guerra coa idea de dedicarse á cría de pastores alemáns. Sempre pensou que Rin Tin Tin era un animal destinado a facer cousas grandes. Tan convencido estaba que, logo de instruílo ben instruído, chamou a todas as portas ata que en 1921 conseguiu meterse no negocio cinematográfico. Como no cine mudo os animais triunfaban, Rin Tin Tin axiña se abriu camiño, do que falaremos, claro está, na próxima columna cinematográfica.

Te puede interesar