Opinión

Un filón de paixón

Para a Warner, a imaxe visual de Olivia de Havilland sempre estivo localizada na boca, mentres que para a Metro subiu uns centímetros e colocouna na ollada. Por este motivo, os personaxes da Havilland, se non a mesma Olivia, aparecen ó longo de toda a súa carreira imbuídos dun deses dous aspectos: de apoucada ou de dramática vitalidade.

A Warner sempre considerou á actriz unha moza virxe e, o que é aínda peor, unha moza incapaz de soportar os ideais da beleza ó uso. Deberon crela unha transmutación da Gioconda e, sen dúbida, Olivia semellábase á Gioconda, sobre todo cando a disfrazaban con bucles ou cun moño en filmes como “A carga da Brigada Lixeira” (1936) ou “O camiño de Santa Fe” (1940).

A Metro colleuna cando a moza pasou a muller. Aquela boca acababa de abandonar o seu matiz caloroso e baldío, pero os seus ollos agrandáranse. Aí está en “Niño de víboras” (1948), “A herdeira” (1949) ou “Non serás un estraño” (1955). Este salto non se produzo repentinamente, porque xa na melosa e dócil Olivia doutro tempo hai escintileos de insubordinación. Raoul Walsh soubo ver esta rebelión interior en “A rubia” (1941), ó facer competir o ardor de Olivia coa locomotora infernal de Rita Hayworth.

Fixo parella con Errol Flynn ata en nove ocasións. Algúns destes títulos, emporiso, poden verse hoxe como unha proba indeleble de solidez narrativa, grazas ó especial talento, nunca recoñecido, dun Michael Curtiz, que algún día terá o seu premio. Desde “O capitán Blood” (10935) ata “O camiño de Santa Fe”, sen esquecer “Robin dos Bosques” (1938), esta parella ten permiso para considerarse como unha das máis extraordinariamente fértiles da historia do cine.

A Havilland tivo que deixar a Warner para obter dous Oscars que ata 1947 lle estiveran vedados. O primeiro, por “A vida íntima de Julia Norris” (1946), de Mitchell Leisen, e o segundo, por “A herdeira”, de William Wyler. Cara ó final da súa carreira, Stanley Kramer soubo descubrir nela un filón de paixón cando a actriz enfilaba a curva dos corenta anos. Sucedeu en “Non serás un estraño”. A pesar de todo iso, Olivia de Havilland quedará para a historia como a Melania Hamilton de “Foise co vento” (1939).

Te puede interesar