Opinión

Vinte minutos

Unha menos dez da noite. É hora de estar na cama, pero non estou. Por que vou estar se tardarei en durmir? Así polo menos fago algo útil. O de útil é un dicir. Na cama podía soñar. Soñar esperto, claro. Porque se tardo en durmir, a ver que vou facer! O jazz de John Coltrane éntrame polos dous oídos. O fresco empezo a notalo nos brazos. Hoxe foi precisamente o corenta de maio. Hai refráns que teñen máis razón que un santo. Para iso son refráns. Dentro de nada vou ter que volver cear. A ver, desde as oito e pico da tarde... Fareino tan axiña coma recolla. Unha mazá con pan. Gústame máis que se fora soa. Agora é Sabina quen me rapea optimistamente. Non sei facer nada sen música. Para pasear necesito música. Para traballar necesito música. Para escribir necesito música. Para ler... para ler, aínda que a música non me molesta, prefiro facelo en silencio. Unha en punto da noite. Noite pecha. Xa se pode dicir que estamos  no día de San Bernabé. Patrón da Valenzá. Claro, por iso hai festas. Outro por certo, nin as cheirei. Xa  non son o que era. Así nos pasa a moitos. Tampouco a música que escoito é a mesma. Agora é o meu admirado Jerry Goldsmith o que me introduce na cabeza a música, a súa música. Unha e dez da noite. Vinte minutos intentando facer algo útil. Algo que? Vale; como de utilidade non ten nada, remato.

Te puede interesar