Opinión

Vivindo o momento

Acabo de deixar caer a conciencia sobre a cadeira dunha terraza de cafetaría. Ó mellor era a culpa. Ou o pecado. Eu que sei. Eu tamén teño de todo. Como a viña do Señor. Claro que, tendo ou non tendo, sigo ó meu, ou sexa, vivindo o momento. Non hai como vivir o momento. O pasado, por moito que nos volvamos a el e o amemos, xa pasou. E o futuro, por moito que nos aprema, que nos angustie ou que nos atormente (porque aínda non o coñecemos ben), ó mellor pega unha reviravolta e caen peras dos carballos ou aínda mellor landras dos castiñeiros. Cousas máis raras se teñen visto.

Hai días que penso en como rebenta o mundo e quedo tan tranquilo e cachazudo, e outros nos que vexo caer unha folla dunha árbore e éntrame a angustia pola súa aterraxe. Igual racha ó chegar ó chan. Igual rompe. E se rompe tamén se pode esnaquizar a miña conciencia. Ai que demo, ás veces tamén penso que teño uns dicires esperpénticos, que alucino en cores cando quero planear algo. E mirade que dixen liñas atrás que non hai nin pasado nin futuro, que hai que vivir o momento.

Vivindo o momento é como deitarse ó lado da esperanza ou por enriba do desexo e deixar que a vida pase, amodiño, case mellor en silencio, ou en tal caso deixando escapar algún que outro xemido. E se hai xemido, entón si, xa pode rebentar o mundo. Agora toca erguer esta conciencia da cadeira, mirar, por exemplo, para unha bufarda e saber que a vida segue cunha certa morriña e con moita, moita melancolía.

Te puede interesar