Opinión

Xa non me queda tempo

Estou só na cafetaría. Xa hai un bo cacho que tomei o café. Lin un xornal e repasei uns datos dun personaxe que quero sacar en Testemuñas da Memoria. Ía escribir sobre el, pero o tempo pasa e xa non me queda tempo. O tempo, cando quere, é o demo, é dicir, pasa de présa. Outras veces pasa a modiño. Pero ese é outro asunto. Sigo só. Os vídeos musicais da televisión sucédense nesta soidade tranquila. Si, hai soidades terribles, espantosas, tremendas. Esta é tranquila.

O tempo pasa e teño máis cousas que facer. Hai que mercar para comer. Hai que ler un pouco antes de recoller ós rapaces. Fóra, agora mesmo, non chove. Pero é coma se chovera… apálpase, nótase a humidade. Unha moza canta e baila na televisión. O ritmo da canción é rápido. Entrou unha clienta, pediu e saíu para a terraza. Ou sexa, sigo só. Escribindo, claro. Outeando o horizonte, é dicir, a rúa; non hai máis alá. Máis alá só están os edificios da outra beirarrúa. Agora é outra moza a que chouta uns valos noutro vídeo musical. Dixen que os vídeos sucedíanse uns a outros? Pois iso. Sigo só. Voume. Queda isto sen clientes.

Te puede interesar