Opinión

Lembranzas

Encántame o pasearme polas rúas da nosa cidade, do noso querido Ourense. Esta cidade onde naceron os nosos avós, os nosos pais e tamén nós, os ourensáns...


Ourensáns que nos interesamos polas cousas que a ela atañen, a súa historia, o seu porvir, como unha das catro provincias que se conteñen na nosa rexión galega, na nosa benzoada Galicia.


Todos en xeral debemos interesarnos por ela, coma ourensáns, os que en Ourense viñeron ao mundo, e tamén coma galegos: posto que en Galicia nacimos, vivimos, e cecais, tamén, morreremos.


A min, repito que me encanta o pasear polas súas rúas, limpas e ben levadeiras, entrar nas súas igrexas (¡ten unha Catedral preciosa!, admirada por propios e forasteiros), e as súas augas quentes, que chamamos ‘Burgas’, admiración tamén dos visitantes que se achegan ata o pontillón que cruza o río ourensá chamado Barbaña, baixo da Alameda. Pontillón que leva ata o barrio do Salto do Can, berce de nacimento da miña nai, fai tempo perdida, e tamén do meu, que aínda estou aquí bregando cas letras que aprendín de nena nos colexios ourensáns e no coidado dos meus paiciños en ensinarnos a ler, a Pura e a min, únicas mulleres de cinco irmáns, que nacimos (tres homiños que faltaron de nenos, e Pura e máis eu), ela xa tamén defunta desde a festa do Apóstolo Santiago 2006, e eu que inda brego nesta devoción das letras escritas e tamén das lidas, despois de anos xa de xubilación, ó chegar ós cincoenta, ata os preto dos noventa e tres que cumprin o 21 deste mes.


Este ano xa non estará Pura, para axudarme a pasalo coa ledicia que poñía ela en tódalas cousas que se propoñía. Sentiréina moitiño e cecais chorarei bágoas pola súa lembranza, pola súa non presencia á miña beira cos que nos quedan no Ourense da nosa familia.


E grande a soidade que deixa a morte, cando pasa e se mete entre os humanos para levarse algún familiar noso. Algún que xa nunca poderemos voltar a ver xunto a nós, e temos que agardar a encontrarnos máis tarde nos círcolos do ceo. Pero así o debeu dispor o Noso Señor, que fose o noso final da estadía neste mundo, e temos que aceptala cada un cando a súa hora é chegada para levalo á inmensidade do círcolo dos ceos e do noso Creador.


Pero, perdoéseme que sempre que collo a pruma na man, teña que mencionala irma, recordala, bicala na súa foto; porque ela era a única irmá que tiña; as dúas traballamos nas mesmas cousas e profesións. Só eu non emigrei, cousa que ela coñeceu de xovenciña índose para Caracas en Venezuela, onde pasou traballando varios anos, ata que definitivamente se quedou onda nós, os ourensanos, para logo deixarnos ó chegarlle ‘esa’ que todo o leva e que nos agarda no tempo.



Te puede interesar