Opinión

Parabéns UDO

Para os que dende nenos seguimos con paixón a CD Ourense, foi unha triste noticia a súa desaparición. Na nosa memoria quedaban momentos de gloria deportiva e nomes que xa forman parte da nosa memoria: Pastor, Rivera, Mirlo, Ibarreche, Orbán, Bouso, Wilson, Varela, Carballeda, Pataco, Cortés, Rubiñán, Fonseca, Nelinho, Veloso, Leardi, Tomé, Varela, Astigarraga, Teixidó, Mugüerza... e moitos outros  que sería moi longo enumerar.

Por iso, cando apareceu a Unión Deportiva Ourense coa decidida vontade de continuar a historia do CDO, fomos moitos os que acollemos con cariño a nova proposta e decidimos apoiala. Concretamente, eu propúxenlle á Xunta de Goberno da Coral De Ruada a creación dun himno para este novo equipo, proposta que foi moi ben acollida por todos. Escribín unha sinxela letra que tratase de recoller os valores e sentimentos comúns a CDO e á UDO e, por outra banda, o daquela director da Coral compuxo a música.

O himno gravouno Arteficción na Biblioteca Pública, contando coas voces e músicos da Coral e a colaboración de músicos da Asociación Ourensá de Folclore Tradicional.

O acto de presentación do himno tivo lugar o 8 de maio de 2015 nun acto celebrado no Centro Comercial Ponte Vella, ao que asistiron unha representación da UDO encabezada polo doutor Cabaleiro e outra de De Ruada encabezada polo entón presidente, Eladio Quevedo Almoina, na que tamén figuraban o director e autor da música, Xoán Antón Vázquez Casas, e eu mesmo, como autor da letra. Ademais de escoitalo publicamente por primeira vez, nesa presentación asinouse, por tódolos representantes, un documento de cesión dos dereitos do himno a favor da UDO de xeito totalmente desinteresado.

Hoxe, sete anos despois daquela presentación, tódolos afeccionados da UDO, continuadora do querido CDO, estamos de festa polo ascenso a Terceira, despois dunha dura travesía polas categorías inferiores.

Moitas grazas a tódalas persoas -presidentes, directivos, técnicos, xogadores e afeccionados- que nos permitiron a recuperación dunha fermosa ilusión. Parabéns UDO!

Te puede interesar