Opinión

Os presidentes da Coral De Ruada

A figura do presidente é fundamental na vida dos coros; encárganse da organización, do fiananciamente, das relación públicas...


Polo xeral, na historia dos coros e orfeóns son moito máis coñecidos os nomes dos directores ca os dos presidentes. Isto ten a súa lóxica, xa que os directores son a parte máis visible dos coros, os que lle dan un selo e un carácter particular a cada unha destas formacións. Os presidentes adoitan ter un perfil moito máis discreto, e, polo tanto, son moito menos visibles de cara ao público. Porén, a figura do presidente é fundamental na vida dos coros; son os que se encargan, á fronte dos seus equipos directivos, da organización, busca do financiamento para afrontar tódolos gastos, relacións públicas e un longo etcétera de tarefas que, polo xeral, pasan totalmente desapercibidas para o público e mesmo para os propios coralistas.

É por isto que me parece axeitado sacar á luz os nomes dos distintos persoeiros que exerceron a presidencia da Coral De Ruada durante os seus máis de 100 anos de existencia:

O primeiro presidente do entón chamado Coro De Ruada foi o coñecido avogado e político conservador José Sabucedo Morales, que na primeira Xunta de Goberno de De Ruada contaba cos vogais seguintes: Modesto Fernández Román, Antonio Saco y Arce, Arturo Fernández Magdalena, Xavier Prado Rodríguez “Lameiro”, Arturo Macías, Vicente Martínez-Risco y Agüero e Luís Fernández Pérez “Xesta”. José Sabucedo foi presidente de De Ruada dende 1918 até 1924.

Despois da renuncia de José Sabucedo, accede á presidencia da Coral un dos seus principais fundadores, o veterinario e celebrado escritor e autor teatral Xavier Prado Rodríguez “Lameiro”, que a exerceu ata primeiros de 1929. De Ruada homenaxeou a Prado “Lameiro” a finais de 1928 e 1929 nomeándoo Presidente de Honor e publicando as súas Obras Completas en catro tomos.

Sucedeu a Prado Lameiro na presidencia da Coral o comerciante e ex-alcalde de Ourense Olegario Muñiz Álvarez, que exerceu ata 1940.

Xavier Prado “Lameiro” volveu á presidencia en 1940 e exerceuna ata o seu pasamento a finais de decembro de 1942.

Despois do duro golpe da perda de Prado “Lameiro”, fíxose cargo da presidencia o comerciante, escritor e xornalista Antonio García Nóvoa “Perniñas”. Antonio García escribiu un libro de poemas de temas variados, tratados sempre dende o humor, titulado “Todo de ocasión. Versos de Perniñas y mios”, publicado por La Región en 1950; foi o terceiro presidente da Asociación da Prensa en Ourense. Exerceu a presidencia de De Ruada entre finais de 1942 e finais de 1948.

Sucedeu a “Perniñas” Luis Pérez Colemán, que fora administrador do xornal ourensán “El Miño” e avogado cun currículo curioso, xa que, a pesar de ser un destacado dirixente falanxista, foi o defensor da mestra de Celanova represaliada Nieves Fariza Alonso, defensora, á súa vez, dos traballadores do ferrocarril e das súas viúvas, polo que fora ingresada no cárcere de Ourense. Pérez Colemán foi presidente da Coral entre finais de 1948 e comezos de 1957.

Ao renunciar Pérez Colemán, fíxose cargo da presidencia Manuel Varela Fernández, que viña exercendo como vicepresidente. Permanecería no cargo ata 1966.

En plena crise da Coral -debida á renuncia temporal do director, Manuel de Dios, e cando soamente faltaban dous anos para a celebración do cincuentenario- faise cargo da presidencia José Ramón Muñiz Guerrra, fillo do ex-presidente Olegario Muñiz e ex-tenente de alcalde de Ourense, sendo alcalde Eduardo Olano Fernández. Consigue salvar a crise e celebrar con éxito o cincuentenario, deixando finalmente a presidencia en decembro de 1971.

En 1971 chega á presidencia da Coral o coñecido avogado e home de negocios José Fernández Borrajo. Chegaba avalado por unha excelente xestión no Liceo de Ourense e no Club Deportivo Ourense. Foi, ademais, Presidente do Tribunal Tutelar de Menores, Presidente da Cámara de Comercio... Permaneceu na presidencia da Coral ata o seu pasamento, no ano 1986.

Dende 1986 presidiu De Ruada o empresario do sector do moble José Ramón Calvo Cid, quen dimitiu en novembro de 1990 por mor dunha nova crise ocasionada polo abandono definitivo da Coral do director, Manuel de Dios, e unha parte dos coralistas. Como consecuencia, fíxose cargo do goberno da Coral unha comisión xestora presidida polo coralista Francisco Domínguez Martínez, ata xaneiro de 1991 en que foi nomeado o catedrático Julio Francisco Ogando Vázquez, quen desempeñou o cargo soamente ata outubro do mesmo ano.

En novembro de 1991 inicia o seu período presidencial Manuel Rego Nieto, que xa fora directivo da Coral e que viña precedido de fama de bo xestor no Concello de Ourense -onde puxera a andar o “Festival Internacional del la Canción del Miño”- xerencia do Hospital Provincial, xerencia do Teatro Principal... En febreiro de 2002 presenta a súa dimisión.

Rego é substituído polo coralista que viña exercendo a vicepresidencia, Eladio Quevedo Almoina. Eladio procedía do grupo instrumental, no que fora gaiteiro dende os anos 50 do pasado século. Con posterioridade, foi confirmado no cargo polos coralistas e exerceu como presidente ata finais de setembro de 2015. Tras esta dimisión, eu mesmo, como vicepresidente primeiro, tiven que exercer a presidencia ata a celebración da asemblea xeral celebrada en febreiro de 2016.

Nesta asemblea saíu elixido Samuel Lago Fernández, que vén exercendo a presidencia da Coral ata a actualidade. Samuel Lago foi catedrático de Historia e Inspector de Ensino Medio e xa fora vicepresidente segundo na directiva de Eladio Quevedo.

Te puede interesar