Opinión

A rúa de Julio Prieto Nespereira

Placa da rúa Julio Prieto Nespereira.
photo_camera Placa da rúa Julio Prieto Nespereira.

Julio Prieto Nespereira participou na reunión fundacional do Coro De Ruada que tivo lugar o 5 de outubro de 1918 en Villa Joaquina -na avenida de Zamora- xunto con Cesáreo Eire Santalla, propietario da mesma, Xavier Prado Rodríguez “Lameiro”, Virxilio Fernández González e Fabriciano Iglesias Abella.

Convén sinalar que, naquela altura, Julio Prieto aínda non cumprira os 22 anos de idade (nacera o 7 de decembro de 1896) e estaba instalado dende 1917 en Madrid onde estudaba pintura co egrexio pintor ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, director do Museo do Prado, ao tempo que opositou con éxito a unha praza de topógrafo delineante técnico do Ministerio de Facenda. Polo tanto, é de supoñer que estivese en Ourense de paso cando participou nesa reunión. Volveu á nosa cidade en outubro de 1919 para facer o servizo militar, pero a partir de 1921, a pesar de seguir mantendo o domicilio na casa familiar da rúa Raíña Victoria, volveu a Madrid e iniciou unha frenética e brillante carreira como gravador, presentándose a exposicións, congresos, etc, por toda a xeografía española. É evidente que non tivo moita presenza no desenvolvemento da Coral, se ben é certo que sempre deu mostras de cariño á mesma, como o demostra a doazón de varias das súas obras a De Ruada en distintas visitas a Ourense. A partir de 1932 o prestixio de Prieto Nespereira vaise incrementando de xeito exponencial: obtivo a primeira medalla na Exposición Nacional de Gravado; foi nomeado profesor de Gravado Artístico na Escola Nacional de Artes gráficas; foi elixido presidente da Agrupación Española de Artistas Gravadores (AEAG), cargo que lle permitiu organizar exposicións de gravado por toda España e de gravado español noutros países (Austria, Alemaña, Bélxica, Holanda e Inglaterra); ingresou como académico na Real Academia Galega...

Toda esta actividade e estes éxitos non pasaron desapercibidos aos ourensáns, que seguían con grande interese, pola prensa local, a carreira do noso paisano. Entenderase, polo tanto, que a finais de 1934 a Coral De Ruada -da que era presidente Olegario Muñíz Álvarez e presidente de honra Xavier Prado Rodríguez “Lameiro”-, liderando unha comisión cidadá formada por varios amigos de Prieto Nespereira, tomase a iniciativa de solicitar ao alcalde da cidade -o lerrouxista Santos Fernández Fueyo- , o cambio de nome da rúa Raíña Victoria (antes Porta da Aira do Bispo e Porta da Aira), na que vivía a familia de Julio Prieto, polo do seu co-fundador. Os méritos do gravador eran moitos e os fervores monárquicos ían esmorecendo, dando paso aos novos aires republicanos, polo que a iniciativa da Coral foi moi ben acollida e a corporación municipal, despois da correspondente tramitación, acordou acceder á solicitude cidadá. Esta decisión foi comunicada, loxicamente, ao interesado e, de xeito simultáneo, iniciáronse os traballos -deseño e realización das placas co novo nome, retirada das existentes, planificación do acto…- para levar a cabo o acordado.

O marmorista Canal Yela encargouse da realización da placa da rúa.
O marmorista Canal Yela encargouse da realización da placa da rúa.

Do deseño das placas encargouse Alejandro Rodríguez Veiras -escritor, xornalista, pintor, ilustrador…- e da súa realización o marmorista Benjamín Canal Yela, con taller na avenida de Bos Aires, fronte ao cuartel de Carabineiros, preto da praza das Mercedes. Tanto un coma o outro formaban parte do comité cívico de homenaxe a Prieto Nespereira. O acto tivo lugar, finalmente, o 25 de xullo de 1935, cadrando coa celebración do “Día de Galicia”, e consistiu nun desfile cidadán que partiu da Praza Maior e no que participaron a Banda de Música Municipal, a Coral De Ruada, autoridades, centros e sociedades de recreo, agrupacións artísticas e numeroso público. Tal como relata La Región (27 de xullo de 1935), xa na rúa sinalada, mentres o alcalde descorre a cortina dunha das placas, a Banda Municipal interpreta o Himno Galego. A continuación, Alejandro R. Veiras pronunciou o discurso de ofrenda da rúa a Julio Prieto. Contestoulle Xavier Prado “Lameiro” en nome da Coral De Ruada. Rematado o acto, moitos dos presentes solicitaron, tendo en conta que se está a celebrar o “Día de Galicia”, trasladarse aos xardíns do Posío para cantar o Himno Galego ante o monumento de Lamas Carvajal e así o fan tódolos asistentes.

Chama a atención a ausencia nestes actos do seu protagonista. Nin sequera se pronunciaron palabras de agradecemento no seu nome. Haberá que agardar preto de 33 anos para coñecer o motivo.

O mércores 12 de xuño de 1968, ás dez da noite, TVE emitiu o programa “Esta es su vida” conducido polo xornalista Federico Gallo Lacárcel, que, nesa ocasión, estaba dedicado a Julio Prieto Nespereira. Durante a entrevista informou de que, cando lle comunicaron dende o Concello de Ourense a decisión de dedicarlle unha rúa, mostrou a súa desconformidade e mesmo manifestou que, en caso de seguir adiante a proposta, non volvería pasar por esa rúa.

No xornal ourensán La Región do venres 14, Carlos Almendares -alter ego de Isidoro Guede- publicou na sección “Mirador”, baixo o título “Aclaración sobre la calle Julio Prieto”, un artigo no que, en vista das sorprendentes declaracións do Sr. Prieto, pedía ao alcalde, con certa retranca, que se atendese a petición do artista anulando os acordos tomados no seu día e que se lle dese un novo nome a esa rúa.

O artigo de Almendares chegou ao Museo Nacional de Gravado Contemporáneo de Madrid -onde Prieto Nespereira era director- e este contesta por medio dunha Carta ao Director de La Región (2 de xullo) na que aclara, entre outras cousas, que o columnista baséase nunha errónea interpretación dunhas palabras non ditas, seguramente, coa debida claridade; aclara que non pasou pola “súa rúa” durante varios anos debido “á súa natural modestia” e tamén que pediu, no seu momento, que se incluíse nas placas o seu segundo apelido, en lembranza da súa nai. Noutra Carta ao Director (20 de xullo), Alejandro R. Veiras corrobora o relatado polo artista e explica que o que realmente quixera manifestar fora a renuncia ao honor que se lle quería tributar porque non se consideraba con méritos suficientes para tan gran homenaxe; remata pedíndolle cordialmente ao seu bo amigo Carlos Almendares que retirase a súa proposta. E así debeu ser, porque non se volveu falar máis do asunto.

Te puede interesar