Opinión

Zeca Afonso e a Coral De Ruada

Foto publicada en La Región o 29 de outubro de 1988.
photo_camera Foto publicada en La Región o 29 de outubro de 1988.

O director da Coral De Ruada, Manuel de Dios, comezou a incorporación de cantigas do repertorio de Jose “Zeca” Afonso nos primeiros anos da década dos 70 do pasado século. Supoño que algo tería que ver nesta decisión o recital ofrecido polo cantautor portugués no Liceo de Ourense o día 8 de maio de 1972. As tres cantigas incorporadas foron: “Milho verde” (Popular / J. Afonso), “Era de noite e levaram” (Luis de Andrade / J. Afonso) e “Bailia” (Ayras Nunes / J. Afonso). As tres foron gravadas por De Ruada e forman parte do dobre LP “Canciones de Galicia”, volumes 1 (S 80344) e 2 (S 80345)  editados no ano 1974 pola casa discográfica CBS. No primeiro volume aparece “Cantiga de Portugal” que, en realidade, é unha sucesión das cantigas “Milho verde” e “Era de noite e levaram” cun acompañamento de percusión como fío condutor. No segundo volume atópase “Bailías”, que é a “Bailia” da que xa din conta anteriormente.

A finais da década dos 80, Manuel de Dios incorporou un novo tema do “Zeca” Afonso ao repertorio da Coral: “Coro de primavera” (J. Afonso). Este tema tamén foi gravado por De Ruada nos estudos da casa Sonoland de Madrid e forma parte do LP “Ourense ao lonxe” (EDL.20006) editado en 1989 por Edigal co patrocinio de Caixa Ourense. Nesta mesma época tamén se incorporou a famosa cantiga “Grândola, vila morena”, que, como é ben sabido, foi o sinal de inicio da chamada Revolución dos Caraveis en Portugal o 25 de abril de 1974. Esta cantiga non se chegou a gravar.

En 2016 De Ruada gravou, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas, un CD titulado “De Ruada entre Amigos” (AF 001/16), editado por Arteficción, no que se inclúe o tema “Millo verde”. Neste caso a Coral De Ruada conta coa colaboración do grupo ourensán Brañas Folk.

Cando se coñeceu que Zeca Afonso padecía unha enfermidade progresiva e incurable (ELA) foron moitas as homenaxes que se organizaron para recadar fondos -a súa situación económica tamén era precaria- tanto en Portugal como en Galicia co obxecto de financiar os custosos tratamentos a que se estaba a someter. Foi moi sonada a celebrada no auditorio do parque de Castrelos, en Vigo, con máis de 20.000 persoas, o 31 de agosto de 1985.

A enfermidade rematou por vencelo e Zeca Afonso finou o 23 de febreiro de 1987. Nos meses seguintes organizáronse en Galicia homenaxes en varios puntos da nosa xeografía (Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Vigo...) baixo o lema “Enquanto há força” (título dun dos seus discos) co dobre obxecto de recoñecer a súa figura e de recadar fondos destinados á súa viúva Maria Amália de Oliveira. Nestes festivais participaron María del Mar Bonet, Luis Pastor, Pablo Guerrero, Sergio Godinho, Waldemar Bastos, João Afonso, Benedicto, Pi de la Serra, Emilio Cao, Saraibas, Brath, Na Lúa... No celebrado no teatro García Barbón de Vigo o 31 de agosto, organizada por Xosé A. Gómez Alén, participou a Coral De Ruada cantando a xa famosa “Grândola, vila morena”.

Algo máis dun ano despois, concretamente o día 28 de outubro de 1988, a Coral De Ruada ofreceu, no Ateneo de Ourense,  un concerto-homenaxe a Jose Afonso, interpretando “Grândola, vila morena”, “Milho verde” e “Era de noite e levaram”. Contan as testemuñas e as crónicas que o salón de actos do Ateneo non foi suficiente para acoller a tódolos ourensáns que quixeron participar na homenaxe.

Te puede interesar