Opinión

A LINGUA E RELIXIÓN EN GALICIA

Na maioría da poboación galega, a formación relixiosa é moi deficiente por unha chea de causas: no rural galego, o cen por cen das súas xentes falan dunha maneira común o seu idioma. Os párrocos e os encargados das parroquias nas catequeses e nas homilías dos domingos falan en castelán, e os fregueses, aínda que o comprenden, non dominan esta lingua tanto como para recibir nela unha ensinanza tan difícil e abstracta como son as verdades relacionadas coa relixión. Por esta razón, a relixión da maior parte dos nosos paisanos quédase en ritos. Aos habitantes do mundo rural galego, se lles sacamos o ir ás procesións, asistir á misa e rezar o rosario, non lles queda case nada, porque os pastores non lles axudaron a penetrar nas verdades relixiosas.


O emprego da lingua materna está recomendado polos pedagogos, e calquera mestre que exerza en Galicia sabe que non se pode dar un paso nas escolas sen axuda do idioma galego. Aínda hoxe, o galego é un idioma obrigatorio que nas nosas escolas está coma o castelán e o inglés; tamén está mandado que determinadas materias se expliquen en galego.


E certo que os nenos aprenden a mecánica da lectura, pero tamén o é que len sen decatarse, sen saber o que len, da mesma forma que poderían ler o chinés mandarín ou outro idioma calquera. Desta falla de comprensión resulta a carencia de coñecementos da materia. Poderiamos traer aquí múltiples anécdotas da vida profesional que confirman o que estamos dicindo. Un neno de oito anos estaba tratando de aprenderse de memoria a definición de quen é o Papa, definición que di: 'Es el Sumo Pontífice de Roma, vicario de Cristo en la tierra'... e como esta serie de palabras non lle dicían nada, nin as entendía, o cativo elaborou na súa mente este disparate: 'Es la suma y punto final del que está en Roma'. Teñamos presente que as palabras empregadas polo neno son lóxicas por seren palabras que non entendía e por iso uniunas sen ter idea do concepto. Noutra ocasión outro neno ao preguntarlle '¿Que quere dicir Xesús Cristo?', respondía: 'Un hígado', porque o fígado sabía o que era, pero o que para el resultaba inintelixible era a verdadeira resposta: 'El Ungido'. Por esta razón, cremos que a falta de formación dos nosos paisanos débese en gran parte a que as ensinanzas que recibiron na escola, na catequese e na predicación dos sacerdotes foron nun idioma que non era o seu. Todos os cregos que exercen nas aldeas galegas saben que os seus fregueses confesan en galego. Se é así, eu preguntóme por que non se obriga a empregar este idioma na predicación e nos actos de culto.

Te puede interesar