Opinión

1º de maio: menos dereitos, máis pobreza

Conmemoramos o Día Internacional da Clase Traballadora, pero non temos nada que celebrar, porque os poderes económicos e financeiros apoiados por gobernos títeres están atacando cruelmente os nosos dereitos facendo que a nosa situación laboral retroceda ata os anos 70 e intentando que volvamos a épocas de escravitude. A situación dramática que vivimos neste momento obriga a que este 1º de Maio ademais de ser conmemorativo sexa un día de forte resposta da clase traballadora contra a clase dominante e de rexeitamento as contrarreformas que está aplicando reiteradamente o Goberno contra nós.

Está ameazando o noso dereito ao traballo, cunha reforma que ampliou as causas de despido facilitando os ERE e abaratando a indemnización, o que provocou unha elevadísima taxa de desemprego, recortan os nosos salarios coa reforma da negociación colectiva (que tén como obxectivo acabar cos convenios para individualizar as relacións laborais na empresa), reducen as prestacións sociais de desempregados-as deixando a miles de traballadores-as sen subsidio, precarizan o emprego aumentando a contratación a través das ETT e de contratos-lixo para os mozos-as, atacan cun recorte brutal as pensións, aumentando a idade de xubilación, ademáis de endurecer a xubilación anticipada e a parcial e así todas as medidas que se levan aprobado desde fai pouco máis dun ano que goberna o PP.

Ademáis de medidas de graves recortes laborais, están liquidando o estado de benestar que tiñamos de unha sanidade pública e ensino que supón a igualdade dos cidadáns en dereitos sociais básicos. Non dubidan en desprotexernos do dereito a saúde e a educación para buscar novos negocios para os seus protexidos. Recortan en medios humáns e materiais sabendo que con elo aumenta o risco da saúde e incluso a vida das persoas.

A situación é dramática para familias que apenas teñen ingresos e o aumento do nivel de pobreza está provocando que moitos sexan expulsados das súas vivendas e outros vivan na exclusión social da mendicidade ou da axuda solidaria de organizacións e persoas. Resulta aterrador comprobar como este sistema político prescinde das persoas para primar e beneficiar a unha clase dominante insaciable que aumenta a súa riqueza a conta de sumir na miseria aos demais. Cometen con total impunidade o roubo dos aforros de traballadores-as e aumenta a corrupción a niveis escandalosos.

En épocas de crise o sistema capitalista amosa a súa máis cruel faciana e as medidas que agora están tomando contra a clase traballadora evidencian que a loita de clases está plenamente vixente e días como o 1º de Maio teñen que servir para reivindicar na rúa unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Te puede interesar