Opinión

Na morte de Ben-Cho-Shey

Estábame afeitando, chegou onda mín a voz da miña dona:

-/Meu home/: “Este vaise e aquel vaise” (¿escoitasme?).

“e todos, todos se van” (¿estasme ouvindo?),

“Galiza sen homes queda”,

“que te poidan levantar”.

-¿A qué ven eso?.

-Faleceu o teu “homónimo”, Ben Cho Shey”.

Foi como unha coitelada. Por un bo anaco non fun quen de me seguir mirando ó espello. Aqueles ollos bagoentos non eran os meus, decote un pouco pícaros e risonas, encollidos nun sorriso retranqueiro, a faciana toda trocarase, de súpeto, na verdade envellecida- e non tanto polos duros anos andados como polos moitos e moi fraternos, tamén dramáticos, motivos esistenciais tamén compartidos.

Coñeciamonos, físicamente, Ben Cho Shey mais eu, hai anos, anque eu xa tiña noticia, moito antes, do seu labor a prol da nosa cultura e da sua loita a carón dos irmáns galeguistas –da familia ourensán- dos tempos heroicos. Eu usaba este alcume, co que firmo hoxe, i el: Xosé Ramón Fernández Oxea, empregaba o pseudónimo que o fixo célebre, mais aló de Galicia.

No xornal de “La Noche”, polos primeiros anos cincoenta, utilizando a sua prosa afiada, escribiu adrede de “algo” que agora non ven ao caso. Eu retranqueiro sempre, descoñecendo quen estaba tras do pseudónimo, non fun quen de matinar na intención do seu contido – aparentemente españoleiro- e contesteille no mesmo xornal.


AMISTADE

Pasado algún tempo coincidimos na redacción aquela, onde Borobo, ríndose por baixo do naris, presentounos. Rimos os tres a cachón e, xa dende aquela, ademáis de “irmáns” –que xa o eramos sen nos ter identificado-, quedamos xunguidos nunha pura, garimosa e sincera amistade, que renovábamos e celebramos cunha infinda aperta, cada ano, na misa de Rosalía –que eu fundara- e da que era siareiro exemplar- inda que non tanto coma Otero, que chegaba puntual, cada ano, dende Trasalba.

Entre bromas e veras, co asentimento risono e sempre cordial de Otero, apuñalle eu as veces: -Ti tes, Xosé Ramón, aires de “afiador” un pouco rillote.

-Non eres ti o primeiro que mo di. Emporiso adiqueime firme a deprender o “barrallete” , do que algún dia farei unha “gramática”

A cordialidade, o bon humor, destacaban entre os seus valores espirituais e culturais, propios dun verdadeiro i enxebre erudito, investigador e engaiolante escritor.

Mas non vou invadir o terreo dunhas actividades que outros compatriotas e irmáns, tal como o mesmo querido xocas, teñen méritos e razón abando para relatalas e engadirlle os méritos do teu exemplar facer e amor a terra.

LEMBRANZA

Eu quero lembrarche, somentes, como irmán verdadeiro naquela familia úneca, irrepetibel, dos primeiros galeguistas –especialmente o histórico nucleo ourensán- que asentaron os cimentos dun nazonalismo honesto, honrado, “virtuoso” –si se pode decir- que algúns sectores da nosa mocidade van asumindo, con forza e con boa lei, e outros grupos mais, anque con menos lei e un pouco mas de canga, especialmente nos maiores, que viven nun mundo de “fuxidos”. Mais non importa: sempre houbo “bos”, “regulares” e “maos”.

Coa axuda da vosa memoria, sen baixala garda, loitaremos –no que nos resta- por arredrar os “maos” e mellorar os “regulares”. Isto contemplarano, dende o alén, sorridentes, compracidos coa túa chegada, os irmáns que sofriron, como ti, pola nosa Galicia, no exilio, no desterro ou diante da norte violenta “sen aviso”, aqueles irmáns xa pais ou abos, desta xeración. E mais cedo ou mais tarde –cando chegue o esperado intre, soio pido, irmán Xosé Ramón, sermos axuntados todos, no alén, dando azos, coa memoria nosa, para levantar a nosa Galicia, afundida hoxe polas cobizas que, daquela, nin ti nin eu, matinabamos posibles.

Que Deus, premie, Ben-Cho-Shey, o teu labor a prol de todos nos, e que a nosa irmandade se vexa prolongada na vida eterna.

Te puede interesar