Opinión

Eliminando barreiras na desigualdade

Levamos días nos que se suceden os actos con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Concentracións, charlas, ciclos de cine... hai moitas formas de conmemorar este día, de lembrar fitos e colocar as mulleres no lugar histórico que merecen, de loitar polos seus dereitos e pola súa participación na sociedade en pé de igualdade co home. Mais, a pesar dos avances conqueridos, as fendas de xénero continúan sendo un lastre para as mulleres e para o conxunto da sociedade. 

Dende Cruz Vermella traballamos para eliminar barreiras, e cada día ofrecemos apoio a quen sufre as consecuencias da desigualdade. Coñecemos os seus efectos, porque estamos preto de quen máis os padecen. Constatamos a diario que a pobreza ten rostro de muller, que moitas mulleres viven distintos tipos de discriminación laboral, que a situación das familias monomarentais é moi complicada, que lamentablemente a violencia machista segue sendo noticia cada día... E nunha provincia como a nosa, as mulleres maiores precisan máis axudas, non só polos achaques propios da idade, ou porque debamos paliar o seu illamento e soidade, senón tamén porque as súas pensións son moi baixas pese a ter sido modista, panadeira ou ter coidado dos fillos/as e netos/as mentres fixo falta. 

Hai que romper esta espiral de discriminación: de salarios baixos, contratos parciais e dificultades á hora de promocionar no ámbito laboral, de falta de corresponsabilidade nos nosos fogares, e de falta de consideración dos traballos de coidado, tanto de persoas maiores como de nenos/as. Porque a isto hai que sumar ademais que o prezo que ten para as mulleres exercer esta responsabilidade en solitario é moitas veces unha renuncia a si mesmas. 

Trátase dunha tarefa á que estamos chamados todos e necesita da implicación real das administracións e de toda a cidadanía: unha aposta seria pola igualdade real e efectiva.

Cruz Vermella é unha organización cunha ampla representación de mulleres. Elas son a maioría do noso persoal técnico: mulleres traballadoras, loitadoras e tremendamente solidarias. Tamén son maioría entre  o voluntariado e entre as persoas que participan como usuarias dos nosos proxectos. Por iso este Día Internacional é tan importante para nós, aínda que seguiremos todo o ano como se fose 8 de marzo, comprometidos coa igualdade e coa xustiza social.  

Te puede interesar