Opinión

Aquelas tardes que pasei a rentes de Paz-Andrade

Remexendo estes días nos meus arquivos sonoros, gráficos e de palabra, en orde a un traballo compilador de máis envergadura, recupero e releo tantas páxinas de xornais polos que andei, onde aparecen estes documentos vividos de certo valor. Logo do personaxe de don Ramón Otero Pedrayo segue en extensión Valentín Paz-Andrade con quen tiven ademais moita amizade, polo que teño moito que contar: Uns poucos días antes do seu pasamento, cando aínda non sufrira o derradeiro contratempo do que non se recobraría, Valentín Paz-Andrade comentoulle tranquilamente ao seu fillo Alfonso: “Haberá que ir pensando en morrer”. Con tranquila lucidez, unha das máis ricas intelixencias que Galicia tiña dado neste século, considerou chegado o tempo de pecha-lo ciclo vital inaugurado en Lérez 88 anos atrás. A un paso do alén, aínda se permitiu Valentín algún que outro nesgo de humorismo, como cando foi visitalo un amigo médico que, para animalo, díxolle a xeito de despedida: “Ánimo, Valentín, xa verás como tamén saes desta”, ao que Paz-Andrade respondeu sen se inmutar: “Si, mesmo que non sei se coa marcha triunfal ou coa fúnebre”. Tomando as súas propias palabras con respecto ao seu amigo Pepe Fernández, tamén se pode dicir de Paz-Andrade que foi “dramatis personae”, non nun, non en dous, senón en case tódolos eidos da creación intelectual, no foro, na economía, na empresa e na política. Non sei se a este singular intelectual lle quedaron moitas cousas por facer na vida. Sospeito que, polo menos, gustaríalle publicar unha revisión de “La marginación de Galicia”, tarefa esta sempre presente na súa axenda persoal, á que o tiñan animado dabondo amigos e seguidores, entre eles Ramón Tamames, que lle ofreceu a poñerlle ao día as estatísticas.

Polo que se refire á fala, tivo sempre Paz-Andrade especial preocupación por inserir o galego nas modernas correntes socio-lingüísticas, coa mirada posta na súa pertenza á familia cultural luso-brasileira, froito da que xorde o seu libro “A galecidade na obra de Guimaraes Rosa”, asunto que lle serviría de tema para o seu discurso na Real Academia Galega. Mesmo ás veces, Valentín inventa ou reconstrúe non sempre en consonancia cos cánones normativizadores en uso. É unha mostra do seu pensamento nesta liorta: “Xa sei que existe unha retesía entre lusistas e antilusistas. Sospeito que eso non ten verdadeira transcedencia nin hai por que se someter a esa dicotomía. O idioma máis desenvolvido da comunidade, máis feito, é o portugués, e se me apuran, o brasileiro. Estes últimos teñen cantidade de lingüistas, ensaístas, romancistas, poetas. Ese feito cultural dentro da nosa órbita cultural non se pode esquecer. Eu veño, dende que me podo dedicar un pouco máis á literatura, digo que eu me veño dedicando a cultivar ese comercio cultural co Brasil porque penso que é fundamental. Se Galicia, para os seus libros, abrira o mercado do Brasil teriamos conseguido un novo espazo, e un gran apoio para a nosa cultura: Unicamente, habería que escrebir de xeito que os leitores brasileiros e portugueses nos entederan, mesmo que non cómpre chegar a esa identidade de facer ámbolos idiomas iguais. O fundamental é a intercomunicabilidade e que eu, en galego, como moitas veces fixen, me poida entender cun morador do Mato Crosso, que é a zona do Brasil máis afastada das culturas europeas. Eso é emocionante. Nas miñas viaxes teño feíto esa experiencia e o mesmo en Mozambique. A esa gran ventaxa non se pode renunciar, ata en Copenhague puiden me entender cun nórdico falando en galego”.

Ao comentar a súa biografía sobre Castelao, díxome: “Pretendín que fora como foi. Sei que houbo moitas xeralizacións e certas apropiacións a favor desde determinadas ideoloxías. Iso sempre pasa coas figuras. Eu din un Castelao, humano, real, flexible e non ríxido. Era un home voluntarioso. Pode que eu non sexa un espírito independente para falar de Castelao. Non quixen facer unha biografía fría, erudita, acartonada. Eu quixen dar un Castelao vivo, como foi, cunha liña anecdótica que o retratara”. No ano 1950, no que morre Castelao, o Centro Galego de Bos Aires convida a Paz-Andrade a dar unha serie de conferencias, seguindo a xeira iniciada por Otero Pedrayo. Valentín debería falar de economía. Para preparalas recolle unha manchea “de documentación da que sairá o xerme dun libro decisivo: ‘Galicia como tarea’”, que, co andar do tempo, axeitadamente revisado se converterá no decisivo, “La marginación de Galicia”. Desde entón, comeza a ser analizada a realidade económica de Galicia dun xeito diferente do que se tiña levado ata entón. De volta a Galicia, Paz-Andrade foi chamado para ditar un curso de economía pesqueira pola FAO, e escribe o primeiro tratado sobre a materia que se tiña feito no mundo ata entón: “Principios de Economía Pesqueira”. Nese eido, a súa colaboración con José Fernández vai ser decisiva para Galicia.

Te puede interesar