Opinión

Inesquencible día de febreiro no pazo de don Ramón co “Xocas” e Ferro Couselo

Xocas, don Ramón e Ferro Cousuelo.
photo_camera Xocas, don Ramón e Ferro Cousuelo.

O mes de febreiro cumpriranse 51 anos daquela gran treboada que derrubou a famosa araucaria que o pai de don Ramón Otero Pedrayo chantara no pazo de Amoeiro o día do seu nacemento. Entón, por iniciativa da Asociación Cultural Auriense organizouse un acto repositorio, consistente en chantar unha nova araucaria escoltada por un pelotón de carballos. Foi ver daquela a intelectualidade galega e o conxunto do amor intelixente a Galicia arroupando a don Ramón nas terras de Trasalba. Tiven a sorte de estar alí e escribir a crónica daquel feito, que foi posiblemente a derradeira das miñas empresas xornalísticas en Ourense, xa que naquel verán deixaba a nosa cidade para instalarme en Vigo e encetar unha nova xeira profesional no eido da radio e o xornalismo escrito.

Ando neste días remexendo vellos arquivos gráficos e sonoros onde gardo para min tesouros esenciais da miña propia memoria como xornalista. Abonda unha boa colección de fotos daquela ocasión e as gravacións, xa dixitalizadas, das miñas conversas con aqueles devanceiros nosos, daquel día, aparte de don Ramón, o propio Xaquín Lorenzo “Xocas” ou Xesús Ferro Couselo. Como xa teño contando todo ese material sonoro depositeino no Arquivo Sonoro de Galicia, onde pode ser consultado e recuperado.

Cando vexo aquelas fotos ou escoito as voces daqueles homes, sinto unha fonda emoción e penso o afortunado que fun ao ter a ocasión de coñecer e departir con aqueles lanzais da nosa cultura, da nosa historia e valor. Aquel día de febreiro, o pazo de Trasalba foi unha manifestación como non se teñen visto outras, de tantos persoeiros ilustres de Galicia e especialmente de Ourense, xa que, naqueles tempos a Asociación Cultural era un fervedoiro de inquedanzas e actividade nas que tiven a sorte de participar. Lembro tamén as excursións culturais das que tamén gardo testemuñas como unha moi celebrada o mosteiro de Montederramo e outras. Era o Ourense daquel tempo un espazo latexante de inquedanzas intelectuais ó redor da cultura de Galicia, que me fan recordar especialmente ós doutores Guitián e Rey e outros persoeiros que se resiste a me devolve-la memoria dos meus anos de mocidade.

Un é, como coido que dicía Oscar Wilde memoria de si mesmo, do tempo de cada un e das cosas que paga a pena lembrar. Ter a man a don Ramón, a Ferro Couselo, a Xocas, permitíanos, como no meu caso, achegarse as fontes primixenias, seguras e documentadas das cousas que un quería saber. Xa teño lembrado a retranca e o humor de Otero Pedrayo. Gardo algunha entrevista no que logo dunha extensa exposición do tema do que lle preguntaba, adoitaba a rematar as súas palabras dicindo: “E perdoe, porque a miña erudición e pouca”.

Unha das características daqueles homes, é que tanto Xocas, con don Ramón ou Ferro Couselo, estaban sempre dispostos a atender e recibir aos que nos achegabamos xunto deles para saciar a nosa angueira de coñecementos. E ilustrábanos con sinxeleza daquelas cousas dos que tanto sabían e sabían contar e transmitir. Fólgome moito de ter tido a precaución de gardar as vellas cintas dos antigos magnetófonos, que una vez depositadas no Arquivo Sonoro de Galicia foron dixitalizadas nun traballo de agradecer, polo que hoxe están ó dispor dos investigadores no mencionado arquivo. Unha boa parte destes contidos son entrevistas, discursos e declaracións de Otero Pedrayo, o que inclúe unha mensaxe que lle gravei para as entidades galegas de América, con ocasión do Día de Galicia naqueles tempos finais dos anos sesenta e primeiros setenta do pasado século.

Te puede interesar