Opinión

Lembranzas das conversas con Antón Tovar naquel Ourense lonxano

Imagen de Antón Tovar.
photo_camera Imagen de Antón Tovar.

Antón Tovar díxome nunha ocasión que era militante… da poesía. Tal era o modo de se definir, mesmo que tivera un ben marcado compromiso. Era o 17 de maio de 1981, xunto o mar de Vigo, logo de que recibira o Premio de Creación Literaria daquel ano por “Calados exconxuros”. Falamos dabondo e me dixo: “Cando me poño a reflexionar antes de facer un novo poema, agroma sempre unha liña constante, o fío conductor da túa inspiración como impulso creativo”. Non levo a conta da serie de ocasións nas que falei paseniño co poeta naquel Ourense de remate dos sesenta a principios dos setenta. Nunha daquelas feitas califocou os seus libros de xeito orixinal: “Os teño, extrovertidos e introvertidos. Os teño tamén bastante tráxicos. Están inspirados en feitos da miña propia vida que non foron precisamente gratificantes. Nos libros extrovertidos veñen da procura de asuntos exteriores a miña propia vida”.

Naqueles días lonxanos, moitos se preguntaban por qué nunca utilizara a poesía como arma política, como fixeran outros, e me dixo: “Non me considero un poeta político de esquerdas porque nunca fixen un libro total deste xeito. E unha das cousas que non fixen sen dúbida polas miñas propias limitacións”. Mesmo que fora claro e coñecido o seu compromiso, unha cousa era a política e as súas inquedanzas e outra a poesía.

Con aquela humildade que tanto o caracterizaba dicia non creer nos mitos da poesía e dos poetas e tiña unha queixa, que as poesía foran desbotadas da prensa, dos xornais. E lembraba que no século anterior, nos xornais se publicaban poemas de autores locais de xeito ordinario. E deste xeito a xente que nos mercaba libros podía lee-los poemas. Escribir poesía non era precisamente unha actividade comercial, mesmo que no seu caso, os seus libros tiveran fideles leitores o que en certo modo o compensaba. E estaba moi agradecido daquela a “Edicións Xerais” polo xeito como o trataba.

A Tovar preocupállabe que a creación literaria se corresponderá coa fala real, e era conscente de que era preciso levar a cabo unha normalización rigorosa, compatibeis coas licencias dos creadores. Neste eido, era especialmente sensible no respeto as variedades dialectais do galego que se usaba en Ourense e contaba algúns exemplos curiosos, como que algúns paisanos dician “papés” en troque de papeis. Sentía daquelas simpatía polas propostas de Carballo Calero e na posibilidades cando lle faltaran verbas necesarias de tomalas do portugués.

Doutra banda se atopaba en contra de práctica de outros autores de revisa-las súas obras anteriores. “O que eu escribir hai dez ou quince anos feito está. E unha obra completa e conclusa, e dicir, para sempre”. E tiña especial agarimo polos personaxes populares que, daquela, podía atopar un nas rúas de Ourense e que corresponde a unha etapa que se atopa en “Arredores”. Tiña especial simpatía e inmortalizouno por aquel tolo ou non tolo que, segundo o tempo exercía de “Papa, Rei ou xeneral”, o Emilio. Dicía Tovar que era un home feliz como non coñexera a outro. “Unha das características daquel Ourense lonxano era que os tolos andaban soltos polas rúas, como elementos característicos dunha cidade singular. A razón era que tardaron en face-lo psiquiátrico de Toén, e como non había coches non era perigoso andar ceibos entre as xentes”.

Tiña Tovar unha especial devoción por Risco, e aparece como fondo dalgunhas das súas obras a figura de don Vicente, especialmente en “Calados exconxuros”. Os especialistas que saben disto mais ca min, se teñen referido a melancolía, mesmo a certa tristura en Tovar. Discrepo. Outra cousa era aquel tono medido, discreto, pero perceptible que era unha expresión máis da súa sensibilidade. Non levo conta das entrevistas que lle fixen para a radio e logo para prensa aqueles lonxanos días. Era amablemente cordial. Voltemos ós seus poemas. Seguen vivos coma sempre.

Te puede interesar