Opinión

Rúa Cisneros ou Tras Palacio

A rúa de Cisneros, tamén coñecida como Tras Palacio, é a prolongación e nexo de unión entre a praza do Trigo, coa súa Fonte Nova e as súas casas asoportaladas na marxe esquerda ata a casa número 7, antiga nº 4, casa de Juan Antonio Saco e Arce, construida no ano 1882 baixo a dirección do arquitecto Antonio Crespo López, que fai rotonda coa praza de Monterrei seguida de Hernán Cortés. En Monterrei viviu o arcediago da Catedal Manuel Sánchez Arteaga, onde morreu a finais do século XIX. Sobresaiu cós seus “Apuntes Históricos” sobre a catedral. Na marxe dereita de Cisneros destaca, á metade da mesma, unha atrativa e empinada rúa, en realidade escalinata, que remata na praza da Madalena.

 Segundo o artigo 2º do Capítulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais do ano 1895, publicadas na imprenta de El Eco de Ourense, a rúa de Cisneros está integrada no Primeiro Distrito.

O Colexio de Avogados de Ourense, no informe para o ano económico de 1892 a 1893, editado pola imprenta de Antonio Otero, en relación co Tribunal Eclesiástico da diócese dinos que o procurador do Tribunal Luis Cid Vázquez vivía tamén no número 7.

Corría o ano 1910 cuando Antonio Gaite Lloves, dono da Sociedade Cooperativa de Consumo, estableceu unha carnicería popular nesta rúa; no século XIX, foi un dos titulares da botica da praza do Ferro (San Domingos, 6).

O sacerdote Juan Antonio Saco e Arce naceu na casa pacega de Alongos o 8 de marzo de 1836, segundo Benito Fernández Alongos; en troques, Carballo Calero dá a data de nacemento o 8 de maio de 1835, a mesma que citou Couceiro Freijomil. Faleceu o 15 de setembro de 1881, segundo Fernández Alonso, do que disinte Carballo Calero que afirma que foi o día, 13 igual que Couceiro. Os seus pais, don José María e dona Justa, eran de nobles familias galegas de aboengo, con abondoso patrimonio, como as casas solariegas da Torre de Puga, Alongos, Malvedo e Ourense; nelas consérvanse os escudos de armas e os blasóns da familia.

Ramón Otero Pedrayo, na biografía que lle adicou a D. Marcelo Macías, “Vida del doctor don Marcelo Macías y García”, expón un acontecemento coñecido popularmente relacionado coa vida do epigrafista alemán Dr. Hübner que se achegara a Ourense para visitar con Saco e Arce pero, tristemente, fixoo o día do seu enterro: “Es tradición en Ourense que la tarde del entierro del señor Saco y Arce llegó a la ciudad con el exclusivo propósito de verle y hablarle el célebre epigrafista Dr. Hübner. Al saber que era muerto miró de lejos el entierro y se marchó de la ciudad sin consultar con nadie sus dudas epigráficas”.

En relación cos seus estudos, Saco fixo o bacharelato no Instituto de Ourense e a súa carreira eclesiástica no Seminario Conciliar de San Fernando, acadando os maiores méritos. Foi na Universidade compostelana onde conseguiu a licenciatura en Grego e Retórica, en 1866.

Moi novo, gañou por oposición a cátedra de Retórica e Poética do Instituto Provincial de Ourense, que desempeñou ata o seu pasamento en 1881, praza que ocupara antes José García Mosquera e despois del o polígrafo astorgano Marcelo Macías. Saco foi socio correspondente da Real Academia Española.

O Concello de Ourense e a Comisión Pro-Monumento homenaxearon a Saco os días 7, 8, 9, 10 e 11 de setembro de 1887, colocando na súa casa no nº 7 da rúa Cisneros, na fachada da rúa de Monterrei, unha lápida coa seguinte inscrición: “Aquí vivió y murió el poeta D. Juan Antonio Saco y Arce, autor de la Gramática Gallega”.

Saco e Arce tamen amosou gran predilección pola Filoloxía, sendo considerado un erudito e un dos filólogos e humanistas máis destacados do seu tempo, sacerdote, pensador, poeta e defensor das tradicións galegas. O maior feito vital seu acaeceu en 1868 ao publicar Soto Freire, en Lugo, a súa “Gramática Gallega”, primeira que houbo en Galicia que o puxo á altura de Rosalía de Castro. En 1967 a libraría e editorial Tanco realizou unha fidedigna nova edición. 

En 1878, en Ourense, se publicou o libro titulado “Poesías”, coleción de poemas datados entre 1855 e 1877, sendo 76 en castelán e 9 en galego, entre os que paga a pena mencionar “A primaveira”, “A Xesús”, “O miniño do ceo”, “Santa Eufemia” e “Arrepentimento”, e as traducións do latín “Stabat Mater”, “O sol salutis intimis” e “Miserere mei, Deus”. Estaban adicados aos seus pais, mestres e amigos.

 Saco e Arce publicou diversos traballos en boletíns, xornais e revistas ourensáns. No Boletín da Comisión de Monumentos da Provincia de Ourense, en El Heraldo Gallego, El Eco de Orense e El Orensano. Deixou varios orixinais inéditos, entre os que convén mencionar un interesante e importantísimo traballo titulado “Literatura popular de Galicia”, que coa sua rigorosidade e tenacidade recolleu durante anos na que amosaba ser un serio folclorista; estaba conformada por coplas, panxolinas, romances, contos, mesmo diálogos e refráns. Comezou ser publicada en vida do autor (1881) pero a causa da súa pronta morte non volveu ser publicada ata 1910, no número 76 do bimestre setembro–outubro, tomo IV do Boletín da Comisión de Monumentos da Provincia de Ourense, que dirixía o seu sucesor na cátedra, Marcelo Macías, e que durou a mesma ata o bimestre xullo–agosto de 1940.

Velai a rúa Cisneros, que aumenta o atrativo do casco antigo de Auriabella.

Te puede interesar