Opinión

O río, o reloxo e a ponte

Meus pais viviron corenta anos na esquina da rúa de Santo Domingo co Parque de San Lázaro. Eu medrei nesa casa, que aínda está. A miña avoa materna vivía en Oira e alá iamos os domingos, cruzando o Miño pola Ponte Nova. Hai unha fotografía na que estou, bebé repoludo, no colo da miña nai, sobre a ponte. Lémbrome de cativo ollando o río a través da varanda, sentindo como a estrutura tremía co paso dos camións que facían a ruta Vigo-Madrid. Daquela aínda non sabía de Heráclito, pero engaiolábame o fluír da corrente. Dese tempo é a lembranza do Toñito Patata, subido na varanda. Dun chimpo lánzase ao baleiro e penetra de cabeza na corrente escura. Un heroe. Pero conservo, aínda, outro recordo vinculado á orixe da Ponte Nova. 

Nós viviamos no lado esquerdo do cuarto andar da casa. Os nosos veciños eran Remedios e Manuel, xa maiores, cos que mantiñamos unha relación familiar. Os meus avós morreran antes de eu nacer, porén, non medrei sen esa figura garimosa e protectora. Manuel, a quen eu chamaba Lel, foi o avó que me negara a vida. Canteiro de oficio, lembro ir con Remedios a levarlle o xantar á obra na que traballaba con outros compañeiros, nalgún lugar impreciso cara a parte alta de Bedoia ou San Francisco. Segundo nos achegabamos, escoitabamos, cada vez máis nítido, o rítmico bater das macetas nas cabezas dos punteiros, picando a pedra ou repicando o tempo.

A min gustábeme xogar co seu reloxo de peto, un Roskopf forte e robusto, creado polo suízo Georges Frederic Roskopf, que soñara un reloxo asequible para o proletariado. Ás veces Lel collíame da man e saía comigo de paseo. Alomenos unha vez baixamos ata o río. Á beira da auga amosoume a ponte e contoume que a fixera el. Manuel Peña fora un dos canteiros anónimos que construíron a Ponte Nova.

Lel morreu cando eu tiña seis anos. Era tan intensa a nosa relación que a familia acordou que o seu reloxo fose para min. Non ficou nas mellores mans. Durante a miña infancia perdeu o cristal, as agullas e, se cadra, parte do corazón. Agora o reloxo non anda, pero el contou as horas de xornal na construción da ponte, agora centenaria, que unha vez foi símbolo de modernidade e baixo a que segue a fluír o río, co seu caudal de sombras. 

Te puede interesar