Na toma das rúas de Cataluña fíxome na abundante presenza de estudantes, dos que bastantes semellan ser aínda alumnos de instituto. Tamén no perfil dos adultos, entre os que parece sobresaír o das persoas con estudos e de clase media. Todo isto conferiríalle certo plus de credibilidade ás demandas do independentismo, pois parecería quedar eliminada a posibilidade de que se trate de multitudes manipuladas; mentres, axudaría a difundir a crenza de que os fins pretendidos serían o froito dunha reflexión libre, meditada e desapaixonada.
Pero claro, as cousas poucas veces son o que parecen. Para comezar quero recordar algo que escribiu o gran intelectual George Steiner arredor da cultura: «Críamos que a educación aseguraría unha permanente mellora na calidade de vida e que onde florecía a cultura a barbarie só era un pesadelo do pasado. Hoxe sabemos que non é así... Porque as bibliotecas, museos, teatros e universidades prosperaron nas proximidades dos campos de concentración.». Por tanto, nin sequera unha educación exquisita nos vacina contra a barbarie, debendo estar sempre vixiantes.
Analicemos agora a cultura dos mobilizados. Dos rapaces, pola miña profesión, creo coñecer bastante ben como son a esas idades. Adoitan ser francos e honestos, pero tamén inocentes e arroutados. Senten, ademais, unha gran necesidade de admirar e de mitificar: a un profesor, a un actor, a un deportista, a un equipo de fútbol, a un ideal político ou relixioso, ... Por iso adoitan ser carne de canón para os adoutrinadores, que saben o fácil que resulta atraelos a unha causa e, sobre todo, sacalos á rúa. Con respecto ós adultos, coido que, aparte doutras razóns, existe agora unha común “ilusión de saber” e de sentirse “cheos de razón”. Moita xente, por ter estudado algo e dispor de abundante información ó seu alcance, pensa que xa pode opinar con fundamento sobre calquera cousa, esquecendo que o mundo é complexo e que as opinións fundadas precisan dun esforzado estudo e de certo coñecemento da materia de que se trate. Desde logo, o que non basta é a lectura apurada dos twits e dos guasaps que nos mandan os amigos e a visión das fotos e vídeos adxuntos, que é o que agora se practica, sen cavilar en que son as redes o principal instrumento de manipulación social.
En suma, contra o que podería parecer, o que estamos é diante dunha enorme ignorancia política, dominada pola opinión irreflexiva manifestada de forma radical, sen termos medios: “me gusta/ no me gusta”. Hai, polo tanto, unha perigosa preponderancia do visceral e un abandono da razón. Entramos así no marco preferido polo populismo, un dos maiores inimigos da democracia representativa: «un perigo que ameaza con destruír a propia democracia», en palabras de Pierre Bordieu. E nesas estamos en Cataluña, coa CUP (8,2% dos votos) marcando o paso.
Na miña función docente sempre trato de aclarar que non tódolos coñecementos teñen a mesma categoría: a lei de Ohm, con ser moi importante, non se pode comparar coas leis de Newton, que son principios fundamentais da Física Clásica. E iso que ocorre coa estrutura da Física ocorre coa de calquera outra materia, incluída a de estrutura do Estado, onde tamén hai leis e principios de categorías diferentes. Entre as leis, a primeira é a Constitución, e entre os principios, o primeiro é o de legalidade. A fortaleza desa lei e dese principio e a necesidade da súa defensa por parte do Estado resultan indiscutibles.
O que sorprende –talvez non tanto- é descubrir a cantidade de políticos, galegos incluídos, que estarían dispostos a deixar pisar tales principios e a permitir o afundimento do Estado con tal de conseguir os seus obxectivos.